O Sergas elevará en 2023 por riba dos 7,5 M€ as achegas ás entidades de atención á drogodependencia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca o incremento dun 16% da contía destes convenios nesta lexislatura

A Asociación Ferrolá de Drogodependencias Asfredo recibirá por primeira vez máis de un millón de euros ao ano

Ferrol, 22 de novembro de 2022 “As partidas previstas para convenios con entidades de atención á drogodependencia no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2023 superan por primeira vez os 7,5 millóns de euros, o que significa que aumentaron un 16% ao longo desta lexislatura, dende o ano 2020”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita á Asociación Ferrolá de Drogodependencias, Asfedro, acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio.

 

Tal e como destacou o responsable da sanidade pública galega, dentro deste orzamento hai unha cantidade para convenios de incorporación social e para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos. Neste segundo grupo atópase o convenio con Asfredo, que no vindeiro ano, -tal e como destacou o conselleiro-, “vai superar por primeira vez o millón de euros”, o que supón que, nesta lexislatura, o departamento sanitario incrementa en case 120.000 euros a achega anual que o Sergas fai a esta entidade.

 

O conselleiro comprobou na súa visita o traballo que fai esta entidade, “que xa nos constaba que era dun altísimo valor” e para escoitar as súas demandas e necesidades. Trátase dunha asociación cunha decena de traballadores que atendeu o pasado ano a máis de mil pacientes.

 

Do mesmo xeito, Comesaña destacou que outra importante entidade desta cidade, como é a Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra, vai superar os 125.000 euros no seu convenio, o que supón un 22% máis que no 2020.

 

Segundo incidiu o conselleiro, ademais de atender ás persoas afectadas por estas adicións, o principal obxectivo da Xunta é prevelas, por iso incrementou as achegas para programas de prevención. Así, dende este ano, o Goberno galego convocou dúas ordes de axudas por un valor conxunto de 4,5 millóns de euros, unha para programas promovidos por entidades locais e outra por entidades sociais. Estas dúas liñas de axudas, que abranguen o período 2022-2025, teñen un 8% máis de fondos que na anterior convocatoria.

 

125 Novos profesionais dende 2020

Nesta serie de medidas que está a levar a cabo o Executivo galego neste eido, Comesaña destacou que a Consellería de Sanidade constituíu, no pasado mes de abril, os grupos de traballo que procederán a elaborar o Plan de trastornos adictivos de Galicia 2023-2026, que están integrados por persoal da Xunta e dos concellos e entidades sociais que traballan no campo das adiccións, da prevención, da asistencia e a incorporación social. Este plan de trastornos adictivos vai ser complementario ao de Saúde Mental de Galicia, que permitiu á Xunta contratar xa a 125 novos profesionais dende 2020. Con estes profesionais, -e tal e como destacou o conselleiro-, a Xunta dotou á área sanitaria de Ferrol dunha unidade de prevención ao suicidio ou dun reforzo da atención á saúde mental das persoas que viven nas residencias sociosanitarias.

 

Este ano, -proseguiu Comesaña-, os orzamentos da Xunta crean 61 prazas máis para profesionais da saúde mental, incluídas as que permitirán poñer en marcha nesta área sanitaria un hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil. Sendo conscientes da escaseza de profesionais especialistas, e para garantir que se poidan cubrir esas prazas, a Xunta, -subliñou o responsable do Sergas-, fixo este ano algo innovador que é solicitar unha habilitación legal para poder cubrir por concurso de méritos, sen oposición, os postos previstos no Plan de Saúde Mental.

 

 

Para rematar a súa intervención, o conselleiro incidiu que a Xunta está a traballar nunha asistencia o máis completa posible á saúde mental e aos trastornos aditivos, tanto na prevención como no tratamento e o fai con máis profesionais e recursos no sistema público e con máis colaboración e máis orzamento para financiar a entidades sociais como Asfredo, “que coñecen de primeira man este sector e son fundamentais para chegar a estes pacientes”.

Imaxes relacionadas