A Xunta organiza na Coruña, Boqueixón e Antas de Ulla cinco xornadas de difusión do selo de calidade de Artesanía Alimentaria
Dúas delas celebraranse na Coruña e centraranse nos sectores da confeitaría, pastelaría, bolaría e repostaría e das conservas vexetais
A de Boqueixón será sobre sidra e desenvolverase no Pazo de Quián
Por último, en Antas de Ulla celebraranse outras dúas xornadas que terán lugar na Casa da Cultura e que versarán sobre produtos cárnicos e queixos
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022 A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, celebrará a partir de mañá na Coruña, Boqueixón e Antas de Ulla cinco xornadas de difusión do selo de calidade de Artesanía Alimentaria, centradas nas actividades de confeitaría, pastelaría, bolaría e repostaría, conservas vexetais, sidra, produtos cárnicos e queixos. Cada unha das xornadas estará centrada nun destes sectores e celebraranse en horario de 9,30 a 14,30 e de 16,00 a 18,00 horas.
En concreto, A Coruña acollerá dúas das xornadas. A primeira, centrada en confeitaría, pastelaría, bolaría e repostaría, celebrarase mañá -martes 22 de novembro- e a segunda, sobre conservas vexetais, será o xoves 24 de novembro. Ambas xornadas terán lugar no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Paseo das Pontes. O vindeiro luns 28 desenvolverase en Boqueixón unha xornada sobre sidra no Pazo de Quián e, por último, en Antas de Ulla celebraranse outras dúas xornadas que terán lugar na Casa da Cultura. A primeira, que será o martes 29 de novembro, centrarase en produtos cárnicos, e a segunda, que terá lugar o mércores 30, focalizarase nos queixos.