Trenor presenta o documental ‘Maria Casares: a muller que viviu mil vidas’ coincidindo coa data na que se cumpren 100 anos do nacemento de María Casares

Hoxe luns tamén se inaugura unha nova exposición na Biblioteca de Galicia que se suma á que permanece aberta na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña
 

O Museo de Belas Artes da Coruña clausura o martes o ciclo de relatorios ‘María Casares. Do exilio ao escenario’ co músico Pedro Soler e a catedrática María Delgado
 

A Filmoteca de Galicia proxectará títulos da cinematografía francesa con Casares como protagonista, incluíndo o seu debut no cinema
 

Durante este 2022 o Goberno autonómico programou unha intensa actividade con máis dunha ducia de propostas desde diferentes plataformas e linguaxes

A Coruña, 21 de novembro de 2022 O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou esta mañá na presentación do documental María Casares: a muller que viviu mil vidas filme Agallas Films conm subvención da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades Dirixido por Xabier Villaverde,o filme estréase esta noite no Teatro Colón, onde chega tras o seu paso polo Festival Internacional de Cinema de Ourense e pola Seminci de Valladolid.

 

Trenor destacou que “este documental nos propón un achegamento íntimo e profundo á vida desta muller extraordinaria, e unha homenaxe, desde a súa Galicia natal, a unha figura cegadora, magnética e fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX”. Conta coas intervencións —entre outros— de María Lopo, Emilio Grandío, Manuel Rivas, Mabel Rivera, Johanna Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.

 

O delegado da Xunta lembrou que a programación da Xunta no centenario de María Casares intensifica as súas actividades nesta recta final do ano con novas conferencias, exposicións e propostas escénicas e audiovisuais que se poderán gozar a partir da semana próxima, coincidindo coa data do seu nacemento, que se conmemora hoxe 21 de novembro.

 

Hoxe mesmo, a Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura inaugura unha nova exposición bibliográfica con fondos propios que poderá visitarse ata o 27 de xaneiro e está comisariada por Patricia Babío e Carina Fernández, técnicas da biblioteca. María Casares, a conquista da existencia inclúe unha trintena de libros, revistas, vídeos e discos que permitirán que os visitantes se acheguen á figura de María Casares que quedou plasmada no universo bibliográfico.

 

Súmase a esta mostra que acolle a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña ata o 21 de decembro. Trátase de María Casares, residente privilexiada, que reconstrúe mediante 200 libros, fotografías, películas e documentos e vida da actríz, a súa contorna familiar e a súa relación co mundo cultural francés. Dentro da exposición teñen especial relevancia preto de 60 libros pertencentes á biblioteca persoal do seu pai, Santiago Casares Quiroga. Tamén destacan publicacións das obras representadas pola actriz. Ao final do percorrido recóllense os premios e homenaxes que recibiu ao longo da súa traxectoria profesional. Pode visitarse de luns a venres de 8,30 a 20,30 h.e sábados de 10,00 a 14,00 h.

 

Achegamento á súa figura

Un día despois da efeméride, mañá martes 22 culmina no Museo de Belas Artes da Coruña o ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, que desde o pasado mes de febreiro celebrou unha ducia de relatorios con personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada. A xornada de clausura, a partir das 19,00 h., correrá a cargo do músico Pedro Soler, que acompañou a María Casares en varias ocasións nas súas producións, e da catedrática María Delgado, que é responsable, como autora e coeditora, dunha ducia de libros entre os que destaca o que relata unha visión da historia do teatro español a través de seis artistas, onde María Casares é unha das protagonistas.

 
 

Ciclo audiovisual

Tamén se retoma na Filmoteca de Galicia o ciclo audivisual que arrancou o pasado mes de xuño. Mañá martes 22 de novembro proxéctase o filme que marca o seu debut no cinema, Los niños del paraíso, de Marcel Carné, que terá un segundo pase o venres 25. Outros títulos da cinematografía francesa con Casares como protagonista que se proxectarán son Orfeo, de Jean Cocteu (días 23 e 24), Las damas del bosque de Bolonia, de Robert Bresson (día 24), e unha sesión dobre o 29 de novembro con Guernica, de Alain Resnais e Robert Hessens, xunto con El testamento de Orfeo, de Jean Cocteau.

 

Todas estas iniciativas intégranse na intensa programación levada a cabo pola Xunta durante todo o ano a través de máis dunha ducia de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorreron a pegada de María Casares desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto ao Goberno galego participan numerosas entidades e institucións de distintos territorios como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.

 

Imaxes relacionadas