A Xunta concede axudas por valor de 174.000 euros a catro asociacións de Ferrolterra para sufragar programas no ámbito da inclusión social

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución desta convocatoria da Consellería de Política Social e Xuventude durante unha visita á Cocina Económica, unha das entidades beneficiarias

Ferrol, 21 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia concedeu axudas por valor de 174.000 euros a un total de catro asociacións de Ferrol ao abeiro da nova orde de subvencións a entidades sociais para sufragar a posta en marcha de programas e iniciativas no ámbito da inclusión. A delegada territorial, Martina Aneiros, informou da resolución da convocatoria esta mañá durante unha visita á Cocina Económica, unha das beneficiarias na cidade.

 

A entidade, que actualmente dá de comer a unha media de 110 usuarios ao día, recibiu un apoio autonómico por valor de 50.000 euros, a contía máxima solicitada. Segundo informou o seu presidente, Antonio Tostado, a Cocina Económica rexistra desde 2017 un notable incremento no número de persoas atendidas. Coa crise da guerra de Ucraína tamén chegaron a prestar servizo a 40 persoas, principalmente mulleres e nenos.

 

Xunto á Cocina Económica, resultaron beneficiarias desta convocatoria de axudas Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol, a Fundación Santo Hospital de Caridade e a asociación Patronato Concepción Arenal.

 

“Con esta iniciativa o Goberno galego dá continuidade a súa colaboración co tecido asociativo, coa finalidade de chegar a todos os fogares que atravesan unha situación complicada e precisan de apoio”, indicou Martina Aneiros.

 

Ao abeiro desta convocatoria, a Consellería de Política Social e Xuventude concedeu achegas económicas por valor de 7,1 millóns a un total de 98 asociacións de toda Galicia.

 

A través destas axudas, a Xunta apoiará 500 actuacións coas que garantirá o financiamento básico de centros de inclusión e de emerxencia social da Comunidade Autónoma, entre outros: albergues, comedores sociais, servizos de reparto de alimentos ou equipamentos sociais de atención continuada. Ademais, todos estes programas recibirán con esta nova liña de subvencións ata un 40% máis de fondos por cada un dos seus usuarios que en convocatorias anteriores.

 

A orde tamén achega financiamento a programas de inclusión social e acceso ao mercado laboral para persoas en situación ou risco de exclusión. Entre eles, inclúense tamén accións formativas e programas específicos para as persoas sen fogar e para poboación inmigrante, como formación lingüística, mediación intercultural ou asesoramento técnico en estranxeiría.

 

As intervencións subvencionables abranguen deste o pasado 1 de xullo ata o 31 de abril de 2023.

 
 

DISTRIBUCIÓN DAS AXUDAS EN FERROLTERRA

 
ENTIDADES

CIDADES DE ACTUACIÓN

IMPORTE DA SUBVENCIÓN

Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol

Ferrol, Narón, A Coruña, Vilalba

90.813
Cocina Económica
Ferrol, A Coruña
50.000

Fundación Santo Hospital de Caridade

Ferrol
20.850

Asociación Patronato Concepción Arenal

Ferrol, A Coruña
12.080
Totais
 
173.743 €

Imaxes relacionadas