A Xunta colabora coa mellora de instalacións veciñais de uso social e para o abastecemento de auga en Soutomaior

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron as obras realizadas ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria
 

A asociación de veciños San Benito de Romariz recibiu preto de 11.000 euros para acondicionar o local e a comunidade de usuarios de augas de Barreiras e Cernadas, 12.000 para a ampliación do depósito
 

A liña de axudas ao asociacionismo local dispón dun orzamento de 3M€, que se consolida en 2023

Soutomaior (Pontevedra), 21 de novembro de 2022 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron hoxe en Soutomaior distintas obras realizadas por colectivos locais co apoio da Xunta no marco do Plan específico de acción comunitaria. Ao abeiro desta liña de axudas, a asociación de veciños San Benito de Romariz recibiu preto de 11.000 euros para mellorar o local social e a comunidade de usuarios de augas de Barreiras e Cernadas, 12.000 euros para a ampliación do depósito regulador de auga potable nas Cernadas.

 

Así, a asociación veciñal executou melloras no piso superior do seu local en Romariz, coa nivelación e colocación de plaqueta en todo o chan, a instalación de alumeado e enchufes, e a realización de remates nas paredes. Deste xeito, ampliouse o espazo habilitado para o desenvolvemento da súa actividade a prol da dinamización social e do intercambio entre a veciñanza.

 

Mellora do abastecemento en Cernadas

Pola súa banda, a comunidade de usuarios de augas de Barreiras e Cernadas investiu a axuda recibida na construción dun novo vaso pegado ao xa existente e dunha caseta de instalacións para funcionar como depósito regulador. Ademais instaláronse conexións de entrada e de saída, así como de regulación con sistema de rebose, e reinstaláronse o contador e a bomba de cloración para os dous vasos. A maiores, fíxose un labor de limpeza e de reparación de fendas no vaso existente, que provocaban perdas.

 

Como resultado das obras duplicouse a capacidade de almacenamento nas Cernadas, de xeito que se poden abastecer máis vivendas e facer un mellor aproveitamento do recurso. Cómpre sinalar que este colectivo xa se beneficiou en 2019 do apoio da Xunta, cunha achega de 11.500 euros para a impermeabilización da cuberta do depósito e a reparación de arquetas da rede de subministración.

 

Compromiso co asociacionismo local

A directora xeral destacou a boa acollida do Plan específico de acción comunitaria entre o asociacionismo local, que levou a Xunta a incrementar un 20% o orzamento este ano, ata os 3M€. “A relevancia deste programa e a excelente resposta que xera entre os colectivos destinatarios, asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e organizacións de mulleres rurais, fai que nos orzamentos de 2023 se consolide ese incremento e se manteñan os tres millóns de euros”, engadiu Natalia Prieto.

 

Neste sentido, a delegada territorial da Xunta en Vigo incidiu en que a provincia de Pontevedra é a que concentrou este ano máis axudas, cun importe que sumou 1,8M€ para 139 entidades. As comunidades de usuarios de augas foron as que recibiron a maior contía, 1,3M€, que se distribuíu entre 104 entidades. A maiores, 34 asociacións de veciños dispuxeron de 489.147 euros e unha de mulleres rurais, de 8.892 euros.

 

As asociacións beneficiarias nesta orde poden realizar a través destas subvencións obras de rehabilitación e acondicionamento nos seus locais e adquirir novos equipamentos cos que levar a cabo as súas actividades e a prestación de servizos aos veciños. Ademais, poden mellorar o abastecemento e traída de auga dos núcleos de poboación.

 

Tanto Natalia Prieto coma Marta Fernández-Tapias eloxiaron o labor desenvolvido polo asociacionismo local a prol do benestar da veciñanza, especialmente nos concellos menos poboados. “Son instrumentos clave para a participación cidadá e de intermediación coas administracións, ademais de ofrecer servizos e actividades fundamentais para a calidade de vida das familias e de persoas de todas as idades”, apuntaron.

 
Desde a súa posta en marcha en 2016, o Plan específico de acción comunitaria sumou un investimento de 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Imaxes relacionadas