A Xunta licitará os traballos técnicos da urbanización do parque empresarial de Morás por máis de 270.000 €

Trátanse dos contratos para a dirección da obra, o control de calidade e a coordinación de seguridade e saúde do polígono C, que ocupará unha superficie de 227.557 m2

As obras de urbanización deste ámbito saíron a licitación o pasado 7 de novembro

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia licitará por un importe global de 271.738,06 euros os contratos de dirección, control de calidade e coordinación de seguridade e saúde das obras de urbanización correspondentes ao polígono C do parque empresarial de Morás, no concello de Arteixo.

Así o autorizou esta semana o consello de administración de Xestur na súa última reunión. 271.738,06 euros nos tres contratos, dos que 165.459,89 corresponden á dirección de obras, 78.516,90 ao control de calidade e 27.761,27 á coordinación de seguridade e saúde.

Cómpre lembrar que as obras de urbanización do polígono C de Morás foron licitadas o pasado 7 de novembro, por un importe de 4.807.631,41 euros. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 5 de decembro.

Este novo ámbito do parque empresarial de Morás ocupará unha superficie total de 227.554 metros cadrados, dos que 98.213 corresponden ás 69 parcelas en que se dividirá.

Actualmente, neste polígono están xa urbanizadas as fases A e B, cunha superficie de máis de 1,15 millóns de metros cadrados, dos que máis de 815.000 metros corresponden a parcelas e o resto, a zonas verdes, espazos libres, aparcamentos, viarios, etc. Deste total están adxudicados preto de 680.000 metros cadrados.

Por outra parte, tamén están en execución as obras de conexión exterior do saneamento, cuxo remate está previsto para antes de final de ano.

Por último, cómpre lembrar que o investimento total realizado pola Xunta de Galicia neste parque empresarial supera os 95 millóns de euros, aos que se sumarán aínda as partidas destinadas ás obras de urbanización da fase C.