A Xunta licita por máis de 315.000 € o proxecto para humanizar unha nova rúa en Arbo para liberar o tráfico do centro urbano do concello

O Goberno galego destinará 8,6 M€ o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia vén de licitar por máis de 315.000 euros o proxecto para humanizar unha nova rúa no Concello de Arbo para liberar o tráfico do centro urbano da localidade ao comunicar a rúa Vázquez Estévez e a estrada PO-400.

A nova vía, cun prazo de execución previsto de 6 meses, terá unha anchura de 10 metros, que comprenderán dúas beirarrúas de 2,5 m., aparcamento de 2,1 m. e calzada de 2,9 m. Para facilitar a mobilidade peonil, reducirase a velocidade a 30 km/h e sinalizaranse 3 pasos peonís elevados e farase unha senda peonil no entronque coa PO-400 coa previsión de poder continuala no futuro ao longo desta estrada.

A maiores, tamén se levarán a cabo actuacións como demolicións, escavacións, recheos e rozas; renovacións de pavimentos; melloras nas redes de abastecemento, pluviais, alumeado ou telecomunicacións, e instalación de sinalización de mobiliario urbano.

Estas obras acometeranse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. Ata o momento, só na provincia de Pontevedra están comprometidas ou xa executadas un total de 63 actuacións.

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022.