A Xunta inicia este luns traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas nos concellos de Ribadavia e do Porriño

As novas intervencións realizaranse na estrada OU-403, entre Ribadavia e Ponte Castrelo, e na PO-331 ao paso polo concello do Porriño

Proseguirán os traballos na AC-566, en Cedeira; na OU-212 ao paso por Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; e na OU-113, en Verín e Vilar de Barrio

Continuarán tamén as rozas na vía de altas prestacións CG-2.1, en Monforte, Pantón e O Saviñao; ou na estrada PO-504, na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo

Con esta nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022

A Xunta iniciará o luns traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas en Ribadavia e no Porriño.

 

As intervencións realizaranse, concretamente, na estrada OU-403, entre Ribadavia e Ponte Castrelo; e na PO-331 ao paso polo concello do Porriño.

A próxima semana continuarán tamén estas actuacións de limpeza na AC-566, en Cedeira; ou na vía de altas prestacións CG-2.1, nos municipios lucenses de Monforte, Pantón e O Saviñao.

 

Tamén proseguirán as tarefas na estrada OU-212 ao seu paso por Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; ou na OU-113, en Verín e Vilar de Barrio.

 

Na provincia de Pontevedra continuarán as rozas iniciadas nas pasadas semanas na VG-4.6 e VG-4.5, en Moaña e Cangas; e na estrada PO-504, na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo.

 

Conservación

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

 

Ademais, retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada. Tamén se levará a cabo a reparación de 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas.

 

Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

 

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas