A Xunta organiza o ‘II Foro xuntos fronte aos abusos’ na infancia o vindeiro día 29 de novembro na Cidade da Cultura

Dez profesionais multidisciplinares realizarán conferencias nas que compartirán a súa experiencia e coñecementos para sensibilizar e actuar ante os abusos sexuais infantís

O evento está destinado a traballadores do eido da infancia, sexa no ámbito social, educativo, xurídico ou sanitario
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022.-

A Xunta organiza para o próximo 29 de novembro o II Foro Xuntos fronte aos Abusos, unha xornada na que dez profesionais multidisciplinares de recoñecido prestixio na actuación e tratamento fronte aos abusos sexuais na infancia compartirán os seus coñecementos e experiencias.

 

O evento, que contará con diferentes charlas de 20 minutos nas que os relatores darán a coñecer a súa experiencia, está destinado fundamentalmente a profesionais que traballan directamente coa infancia desde calquera eido, social, educativo, xurídico ou sanitario. A cita celebrarase no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia e o aforo estará limitado a 244 persoas.

 

Todo aquela persoa que queira participar nesta cita debe enviar un correo electrónico á Dirección xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica da Xunta de Galicia (familia@xunta.gal). No texto debe incluír o seu nome, apelidos e DNI, baixo o asunto: II Foro Xuntos fronte aos abusos.

 

Participantes

Durante toda a mañá haberá dez profesionais que falarán de diferentes experiencias. Comezará Vicki Bernadet, fundadora dunha fundación que leva o seu nome que se dedica a unha atención integral e a sensibilización sobre os abusos sexuais infantís. A directora do Centro Psicolóxico Noguerol, Victoria Noguerol, falará das estratexias actuais para o tratamento. Aída Blanco, presidenta da Asociación Amino, centrará a súa charla nos dereitos do menor e na intervención no procedemento xudicial. Continuarán as psicólogas do Programa Alborada, Idoya Jarabo e Inma Araujo, cunha conferencia cuxo título é Adolescentes vítimas e agresores sexuais.

 

Despois dunha pausa para o café, o director do Centro de Regulación Emocional de Málaga, Arun Mansukhani, falará sobre as consecuencias dos abusos sexuais infantís na idade adulta. Margarita Ortiz-Tallo, presidenta da Asociación Con.Ciencia, realizará unha charla cetrada na importancia do acompañamento.

 

Pola súa banda, Natalia Seijo, directora do Centro de Psicoterapia e Trauma NS, falará dos trastornos alimentarios como estrutura de protección ante o abuso sexual; e Marta Simó, que é pediatra da Unidade de Abuso Infantil do Hospital Sant Joan de Déu (Barcelona) explicará a importancia da valoración pediátrica nos casos de violencia sexual cara a infancia.

 

Por último, a directora do Programa de trauma e disociación do Centro Hospitalar e Universitári de Coimbra, Anabel González, pechará o foro cunha conferencia nomeada Cando a desconexión é a única saída.