A Xunta imparte talleres nas escolas para concienciar aos rapaces da importancia do saneamento das augas residuais para o medio ambiente e a saúde das persoas

Augas de Galicia levou a cabo esta semana xornadas de formación no CEIP Ramón de Artaza y Malvárez, en Muros; no CEIP Torre-Illa, na Illa de Arousa; e no CEIP Manuel Cordo Boullosa, en Ponte Caldelas

Os preto de 90 rapaces participantes, de entre 6 e 8 anos, coñeceron nocións sobre a depuración, a contaminación ou a necesidade de garantir o recurso da auga

Os escolares achegáronse aos conceptos básicos da xestión da auga a través de presentacións en formato audiovisual ou da realización de experimentos na aula

As actividades realizáronse coincidindo coa celebración, esta semana, do “Día Mundial do Retrete” que, co lema “Facer visible o recurso invisible”, se centra nos efectos que unha mala xestión do saneamento pode provocar na calidade das augas subterráneas
 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022.-

A Xunta está a impartir talleres nas escolas para concienciar aos rapaces da importancia do saneamento das augas residuais para o medio ambiente e para a saúde das persoas.

 

Augas de Galicia levou a cabo xornadas de formación ao longo desta semana no CEIP Ramón de Artaza y Malvárez, en Muros; no CEIP Torre-Illa, na Illa de Arousa; e no CEIP Manuel Cordo Boullosa, en Ponte Caldelas.

 

Os preto de 90 alumnos participantes, de primeiro e segundo curso de primaria, adquiriron dunha forma didáctica e entretida coñecementos relativos ao saneamento de augas residuais ou á contaminación, coincidindo coa celebración, esta semana, do “Día Mundial do Retrete”. Este ano, baixo o lema “facer visible o recurso invisible”, a efeméride céntrase nos efectos que unha mala xestión do saneamento pode provocar sobre a calidade das augas subterráneas e, en consecuencia, sobre o medio ambiente e a saúde.

 

Os rapaces, con idades comprendidas entre os 6 e os 8 anos, coñeceron nocións básicas sobre a importancia da auga para a vida, sobre a necesidade de protexer este recurso ou sobre os problemas que xera a escaseza de auga.

 

Tamén coñeceron o funcionamento do ciclo da auga e abordaron boas prácticas diarias para evitar ou reducir a contaminación deste recurso.

 

Os escolares achegáronse aos conceptos básicos da xestión da auga a través de presentacións en formato audiovisual ou da realización de experimentos na aula.

Imaxes relacionadas