O avance nas obras de conservación da Ponte Ceilán obrigarán ao corte de carril entre o luns e o venres desta vindeira semana

É preciso demoler parte da beirarrúa actual para a formación dunha gabia na que se executará a cimentación da nova varanda que se instalará na ponte

Procederase ao corte do carril sentido Outes-Noia, habilitando o paso alternativo da circulación en ambos os sentidos polo carril libre, con regulación semafórica

Desde o día 21 ao 24 o corte do tráfico será entre as 08:30 da mañá e as 20:00 da tarde; e o día 25, entre as 08:30 da mañá e as 13:00 do mediodía.

Esta intervención, cun investimento da Xunta de 500.000 €, comezou en setembro e reforzará a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova

A actuación tamén incluirá a optimización da eficiencia enerxética da ponte ao renovar a iluminación apostando pola tecnoloxía LED
 

Santiago de Compostela, 19 novembro de 2022.-

O avance na execución das obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao paso polos concellos de Noia e de Outes, obrigará ao corte de carril entre o luns e o venres desta vindeira semana.

A nova fase das obras, que a Xunta iniciou o pasado mes de setembro, comezará este luns coa demolición de parte da beirarrúa existente para a formación dunha gabia na que se executará a cimentación da nova varanda que se ten previsto instalar na ponte.

 

Deste xeito, procederase ao corte do carril do sentido Outes-Noia, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 68+600 e 69+400. Para facilitar a mobilidade dos usuarios neste punto da estrada estará habilitado un carril de circulación, con regulación semafórica, polo que pasarán alternativamente os vehículos en ambos os sentidos.

 

En concreto, desde o día 21 ao día 24 o corte do tráfico será entre as 08:30 da mañá e as 20:00 da tarde; e o día 25, entre as 08:30 da mañá e as 13:00 do mediodía.

Así, durante esta vindeira semana os traballos que se van realizar na propia beirarrúa da Ponte Ceilán fan preciso ocupar o carril coa maquinaria de demolición e de carga de escombros. As tarefas inclúen o corte e demolición da capa superior de formigón da beirarrúa, a retirada dos escombros e da área situada baixo o formigón, ademais da posterior limpeza da gabia. Posteriormente, prepararase a superficie para construír unha viga de cimentación de formigón armado.

 

A Xunta continúa progresando nesta intervención, á que destina un investimento autonómico de máis de 500.000 euros.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actúa nesta ponte, situada no punto quilométrico 69 da vía autonómica que une os municipios de Noia e de Outes, co fin de aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova.

 

A varanda virá xa fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido.

 

Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores.

 

Ademais, procederase á optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante a substitución da iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns.