A Xunta activa unha nova liña de apoios para facer dos clústeres emerxentes impulsores da innovación e o desenvolvemento sostible entre o tecido empresarial

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 15 de decembro e as axudas céntranse na posta en marcha de plans estratéxicos e proxectos orientados ao fomento da dixitalización, a innovación e a internacionalización que dean soporte ao papel dinamizador que os clústeres teñen na actividade económica de Galicia

Mediante este programa, a Xunta impulsa o desenvolvemento de novos ámbitos de negocio transversais, especialmente os centrados na economía circular

Os apoios serán do 80% dos gastos, cun máximo de 100.000€ por entidade, e prevense pagamentos a conta por un máximo do 80% da axuda concedida

O programa complementa as axudas achegadas aos clústeres consolidados, a través da liña que desde 2016 apoia as iniciativas que lideran estas organizacións, mobilizando en total máis de 11,5M€ cun importe de axudas de 5,8M€

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha liña específica de axudas co obxectivo de reforzar a actividade dos clústeres galegos de nova creación no seu impulso á competitividade do tecido empresarial galego, fomentando a innovación e o desenvolvemento sostible da industria e dos servizos.

 

Dotada con medio millóns de euros, a iniciativa pretende contribuír a fortalecer as agrupacións empresariais de creación recente para que mobilicen recursos e reforcen o seu papel activo na definición de estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de actividade de especial valor no contexto e tendencias económicas actuais, onde non existen estruturas consolidadas.

 

Aqueles clústeres interesados teñen de prazo ata o vindeiro 15 de decembro para solicitar apoios encamiñados a que poidan poñer en marcha plans estratéxicos e proxectos orientados ao fomento da dixitalización, a innovación e a internacionalización do tecido produtivo. O procedemento de concesión é polo réxime de concorrencia competitiva. Así mesmo, os apoios serán do 80% dos gastos, cun máximo de 100.000€ por entidade, e se prevén pagamentos a conta por un máximo do 80% da subvención concedida.

 

Deste xeito, as axudas pretenden consolidar as agrupacións empresariais como pancas de difusión e pezas estratéxicas no impulso de proxectos innovadores, dando soporte á transformación dixital das compañías do seu ámbito de influencia, ademais de promover o desenvolvemento de novos ámbitos de negocio transversais, especialmente os centrados na economía circular.

 

O programa dá continuidade á convocatoria do ano 2021, que supuxo a primeira edición destas bases de apoio a estas estruturas emerxentes, que permitiu promover proxectos da Asociación Clúster da Biomasa de Galicia, do Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia, e do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular. 

 

Así mesmo, complementa as axudas achegadas aos clústeres consolidados, a través da liña que desde 2016 apoia as iniciativas que lideran estas organizacións, mobilizando en total máis de 11,5M€ cun importe de axudas de 5,8M€.