A Xunta recibe 5 ofertas para executar as obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, que suporán un investimento de 72,8 M€

Das ofertas presentadas a esta actuación, 4 delas están conformadas por UTE, que engloban un total de 10 empresas

Os traballos, que se iniciarán na primavera de 2023, levarán aparellados 1.400 empregos e blindarán a sanidade pública de 450.000 cidadáns

A intervención permitirá ampliar a superficie do actual hospital en case un 30%, de modo que se poida mellorar a atención aos pacientes

A intervención fará posible contar con 5 novas unidades de hospitalización con 36 camas cada unha e unha nova unidade de hematoloxía de 28 camas, sumando 208 camas máis dispoñibles e permitindo que as habitacións sexan dobres ou individuais

O aumento de superficie permitirá ampliar as urxencias pediátricas e reformar as de adultos, incorporar 7 quirófanos e mellorar áreas como o laboratorio de microbioloxía, o hospital de día, a unidade de mama, endoscopias e consultas externas

Esta obra é a culminación da aposta que a Xunta está a facer de mellora e modernización do CHUS Santiago, que se vén concretando, entre obras e equipamento, nun investimento de máis de 110 M€ só para este complexo desde o 2009 ata 2025
 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022.-

A Xunta recibiu un total de 5 ofertas de empresas para executar as obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, que suporán un investimento de 72,8 M€.

 

Das 5 ofertas presentadas a esta actuación, 4 delas están conformadas por UTE, que engloban un total de 10 empresas.

 

A intervención levará aparellados 1.400 empregos e blindará a sanidade pública de 450.000 cidadáns. A previsión é iniciar os traballos a principios da primavera de 2023, cun prazo de execución de 42 meses.

 

As obras obxecto deste contrato da Xunta permitirán ampliar a superficie do actual hospital en case un 30%, de modo que se poida mellorar a atención aos pacientes.

 

Para iso, o proxecto prevé a ampliación do edificio A -no que se atopa a área de hospitalización, os servizos centrais e as emerxencias-, na parte sur do edificio existente cara ao oeste; de forma mimética ao actual edificio hospitalario, para acadar maior integración arquitectónica e funcional, dispoñendo un núcleo de comunicación vertical con 8 ascensores. 

 

Tamén se ampliará a superficie, no caso do edificio A, en preto de 29.000 metros cadrados, acometendo a demolición de 2.000 metros para axustar e encaixar as novas instalacións. 

 

No edificio C -que alberga as consultas externas e as probas funcionais-, a intervención permitirá habilitar case 5.300 metros cadrados de nova superficie.

 

Neste caso a ampliación realizarase cara ao leste, con 5 plantas coincidentes coas actuais, comunicándose cos eixes de circulación xeral do edificio e cun núcleo de comunicacións situado en paralelo ás zonas de espera da fachada sur.

 

Novas unidades de hospitalización

A ampliación do CHUS fará posible contar con 5 novas unidades de hospitalización con 36 camas cada unha e unha nova unidade de hematoloxía de 28 camas, sumando 208 camas máis dispoñibles e permitindo que todas as habitacións sexan dobres ou individuais.

 

O aumento de superficie do complexo permitirá, ademais, ampliar as urxencias pediátricas e reformar as de adultos, incorporar 7 novos quirófanos e terá incidencia directa noutras áreas como o laboratorio de microbioloxía, o hospital de día, a unidade de mama, área de endoscopias e consultas externas.

 

Esta obra é a culminación da aposta que a Xunta está a facer para a mellora e modernización do Complexo Hospitalario e Universitario de Santiago, que se vén concretando, entre obras e equipamento, nun investimento de máis de 110 M€ só para este complexo desde o 2009 ata 2025.