O presidente do Goberno galego asistiu á inauguración do novo centro de ASPNAIS en Lugo

A Xunta reedita o compromiso coa atención á discapacidade, á que se destinarán 165 M€ no 2023, o maior orzamento da súa historia

Desde o ano 2009 aumentou un 30% o número de prazas públicas de atención diúrna ou residencial e multiplicouse por 13 o número de concellos que contan con unidades de atención temperá

Alfonso Rueda recoñeceu o labor de ASPNAIS pola súa dedicación ás persoas con necesidades especiais desde o ano 1966, e felicitou á entidade pola inauguración dun centro ocupacional que leva o nome de Conchita Teijeiro: “O importante é que sempre haxa persoas dispostas a facerse cargo das grandes tarefas”, dixo
 

Lugo, 18 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia reedita o compromiso do Goberno galego coa atención á discapacidade, á que se destinarán 165 millóns de euros no 2023, o maior orzamento da súa historia. O titular da Administración autonómica asistiu á inauguración do novo centro da Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade de Lugo (ASPNAIS) e ao descubrimento dunha estatua en honor de Conchita Teijeiro, que foi presidenta da entidade. Un acto no que Alfonso Rueda puxo en valor o labor das entidades que traballan en beneficio das persoas con necesidades especiais.  

Rueda subliñou que o apoio ás persoas con necesidades especiais é unha prioridade para o Goberno galego, de aí o incremento nun 16% do orzamento que o ano que vén se destinará a esta fin. Esa significativa suba permitirá incrementar nun 37% as liñas de colaboración con entidades como ASPNAIS, ademais das axudas a través do IRPF, para a adquisición de vehículos adaptados ou para a construción e rehabilitación de centros de maiores ou persoas con discapacidade.  

Non é un compromiso novo para a Xunta, xa que desde o ano 2009 aumentaron un 30% o número de prazas públicas de atención diúrna ou residencial e multiplicouse por 13 o número de concellos que contan con unidades de atención temperá, que pasaron de 15 a 200. A maiores, creouse a Dirección xeral de Persoas con Discapacidade, que sitúa á Xunta como unha das poucas Comunidades que contan cun departamento específico para este colectivo e para as súas familias. 

Alfonso Rueda puxo a ASPNAIS como exemplo destas entidades que comezaron a mirar polas necesidades dos seus familiares cando a atención á discapacidade era escasa, o que permitiu que co tempo varias xeracións de persoas con necesidades especiais puideran acceder á educación, a unha formación laboral ou a ofertas de lecer. 

O presidente da Xunta valorou o esforzo desta entidade luguesa para abrir o centro que agora se inaugurou nas dependencias do antigo Hospital San José. Rueda tamén quixo sumarse á homenaxe que se fixo a Concepción Teijeiro Revilla, Conchita Teijeiro, presidenta de ASPNAIS durante 41 anos e Medalla Castelao 2003. Indicou que “o importante é que sempre haxa persoas dispostas a facerse cargo das grandes tarefas” e animou a ASPNAIS e ás demais entidades que traballan en beneficio de quen máis o necesita a seguir contando coas Administracións para “formar un gran equipo”. 

O titular do Goberno galego valorou o “mérito” das familias e da sociedade que no seu día “entendeu” que había moito que “mellorar e avanzar” na atención da discapacidade e chamou a atención sobre a importancia de empregar os recursos públicos “onde realmente poden ser útiles”, en relación ás inversións que as Administracións destinan a estes servizos e ás familias e asociacións que os impulsan. 

 

Imaxes relacionadas