O delegado territorial da Xunta na Coruña clausurou, esta mañá, o plan integrado de emprego organizado polo concello de Dodro en colaboración con Padrón, Rois e Rianxo

Trenor informa que a Xunta financiará con máis de 9,1 M€ máis de 79 cursos de formación para persoas sen emprego na área de Santiago

Na comarca de Santiago impartiranse 63 cursos AFD, 8 plans integrados de emprego e 8 obradoiros de emprego

A Xunta de Galicia está a situar a cualificación profesional no centro da axenda política no marco da estratexia ‘Xempre Contigo’ que busca mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade do mercado laboral galego

Dodro (A Coruña), 18 de novembro de 2022

A Xunta financiará con 9,1M€ un total de máis de 79 cursos formativos, que se impartirán en 2022 e 2023, para persoas sen emprego da comarca de Santiago no marco dos plans integrados de emprego (PIE), plan AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas), e obradoiros de emprego. Así o avanzou, esta mañá, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante a clausura do plan integrado de Dodro, compartido con Padrón, Rianxo e Rois, ao que asistiron os alcaldes de Dodro, Francisco Xavier Castro, Padrón, Antonio Fernández, Rois, Ramón Tojo e Rianxo, Adolfo Muíños, no que tamén estivo presente a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Judit Fontenla.

 

Trenor explicou que na área de Santiago impartiranse 8 plans integrados de emprego, 63 AFD  e 9 obradoiros que formarán case 2.000 persoas sen emprego cun investimento de máis de 9,1 millóns de euros

 

Clausura PIE Dodro

Trenor lembrou, na clausura do PIE de Dodro, que a Xunta reforzou xa na convocatoria 2022-2023 dos programas integrados de emprego cun 2 % máis de orzamento que na anterior edición, o que permitirá, cun investimento de 10.268.000 euros, a posta en marcha de 41 plans para formar e incrementar as oportunidades laborais dunhas 4.100 persoas desempregadas.

 

Ás axudas optaron as entidades locais, xuntas ou agrupadas, e a organizacións con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro. En cada un deles tomarán parte 100 persoas desempregadas. Un mínimo do 35 % do total de participantes en cada programa deberá atopar un traballo ao remate das accións desenvolvidas. En concreto, deberán ser contratados, polo menos, durante 90 días por conta allea durante os 12 meses de execución do programa integrado ou iniciar no mesmo prazo ou nos 3 meses posteriores a esta formación unha actividade por conta propia.

Tamén poden formar parte como socios/as traballadores/as dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses.

 

A Administración autonómica ofrece tamén nesta edición bolsas de sete euros por día para a asistencia dos demandantes de emprego. E asume os custos salariais do persoal necesario para impartilas, así como de desprazamento de dito persoal e gastos materiais e técnicos, entre outros.

 

Ao igual que noutras políticas de emprego, a Xunta terá como destinatarias prioritarias, entre outras, ás mulleres, ás persoas en risco de exclusión social, vítimas da violencia de xénero, menores de 30 anos, maiores de 45, persoas con discapacidade ou inmigrantes.

A Xunta quere fomentar os proxectos innovadores que se caractericen pola utilización das novas tecnoloxías. Tamén as actividades que propoñan medidas de conciliación e que estean vencelladas co territorio onde se imparten.

 

Os Programas Integrados de Emprego deben poñer o foco en accións encamiñadas á información, orientación e asesoramento, formación nas especialidades do catálogo do Servizo Estatal de Emprego (SEPE), técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade emprendedora, prospección laboral, formación para o emprego, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Emprego femenino

 

A orde da Xunta reserva, ao igual que outras convocatorias anteriores, 2 millóns de euros do total para financiar programas que se dirixan en exclusiva a mulleres desempregadas co obxecto de que reciban atención específica que lles dea acceso ao mercado laboral.

 

Plan Galego de Formación para o Emprego

O programa, financiado con fondo finalistas do Ministerio de Educación e Formación Profesional, enmárcase no Plan galego de Formación para o Emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77% con respecto ao exercicio anterior.

 

Este conxunto de actuacións insírese nun dos obxectivos que está a desenvolver a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco da estratexia Xempre Contigo: o de mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade das galegas e os galegos. “A Xunta quixo primar na actual convocatoria as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e a oferta formativa dirixida a persoas desempregadas con baixa cualificación”, explicou Trenor.

Imaxes relacionadas