O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron esta mañá un encontro co concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña, Francisco Dinís, para abordar a actuación

A Xunta agarda que o concello da Coruña traslade un apoio claro á iniciativa da senda litoral coa pasarela de Oza a Santa Cristina, na que o Goberno galego quere investir 8 M€

Francisco Menéndez remarca a necesidade dun pronunciamento áxil por parte do Concello da Coruña, dado que a actuación está condicionada aos prazos fixados no programa ‘Nex Generation UE’

Incide en que a Xunta ten listo o prego de contratación de proxecto e obra da senda, co que seguirá adiante se ten confirmación de apoio do Concello da Coruña e a garantía de que o Concello de Oleiros non vai entorpecer administrativamente o proxecto

Gonzalo Trenor lembra que a senda litoral está sustentada en informes técnicos, ambientais e de dinámica do litoral que xa foron achegados hai meses a ambos os concellos, ademais dun estudo de mobilidade máis recente que se remitirá en breve

A senda litoral entre A Coruña e Oleiros ofrecerá unha alternativa sostible ao traxecto pola Ponte Pasaxe, facilitará o acceso ao CHUAC e permitirá chegar en menos de 30 minutos en bicicleta a calquera centro universitario da cidade e acceder a 55 liñas de transporte público da contorna

O director da Axencia Galega de Infraestruturas subliña que a senda litoral propiciará unha transformación dos hábitos de mobilidade e permitirá avanzar cara a unha mobilidade máis sostible e saudable na contorna
 

A Coruña, 18 de novembro de 2022.-

A Xunta agarda que o Concello da Coruña traslade un apoio claro á iniciativa da senda litoral coa pasarela de Oza a Santa Cristina, unha actuación na que o Goberno galego ten a vontade de investir 8 millóns de euros para beneficiar a máis de 218.000 persoas.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron esta mañá un encontro co concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña, Francisco Dinís.

 

A xuntanza responde á convocatoria feita pola Xunta o pasado luns aos Concellos da Coruña e de Oleiros para abordar a iniciativa dunha senda litoral co obxecto de coñecer, con claridade se apoian ou rexeitan a iniciativa. Á reunión non acudiu o Concello de Oleiros, que transmitiu con anterioridade a súa intención de non asistir á cita e o seu rexeitamento á iniciativa.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, remarcou a necesidade dun pronunciamento áxil e rotundo por parte do Concello da Coruña dado que a actuación está condicionada aos prazos fixados no programa “Next Generation UE”.

 

Explicou que a Xunta ten preparado o prego para licitar o contrato de redacción de proxecto e execución das obras da senda litoral entre A Coruña e Oleiros, co que se seguirá adiante sempre que se teña a confirmación de apoio á iniciativa por parte do Concello da Coruña e a garantía de que o Concello de Oleiros non entorpecerá administrativamente o desenvolvemento do proxecto.

 

O delegado da Xunta na Coruña, pola súa banda, salientou que a senda litoral está sustentada en informes técnicos, ambientais e de dinámica do litoral que xa foron achegados hai meses a ambos os dous concellos, ademais dun estudo de mobilidade máis recente, que se lles remitirá en breve. Incidiu na transparencia seguida en todo momento, xa que a Xunta lle remitiu a ambas as administracións locais toda a información técnica que foi recabando.

 

A senda litoral entre A Coruña e Oleiros ofrecerá unha alternativa sostible ao traxecto pola Ponte Pasaxe e permitirá chegar en menos de 30 minutos en bicicleta a calquera centro universitario da cidade e acceder a 55 liñas de transporte público da contorna.

 

Nesta liña, o director da Axencia Galega de Infraestruturas subliñou que a senda litoral propiciará unha transformación dos hábitos de mobilidade e permitirá avanzar cara a unha mobilidade máis sostible e saudable na contorna. “O camiño cara a unha mobilidade sostible iníciase andando”, e neste sentido a senda litoral proposta pola Xunta, dixo, é un primeiro paso para este cambio. 

Imaxes relacionadas