Lorenzana salienta que as vítimas de explotación sexual poderán acceder ás axudas e recursos da Xunta para facer fronte á violencia de xénero

A Lei de medidas fiscais e administrativas (Lei de acompañamento) modificará a normativa autonómica de igualdade para incluír ás mulleres vítimas de explotación sexual como vítimas de violencia de xénero

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade participou hoxe na inauguración do congreso A Igualdade e a violencia de xénero en tempos de guerra, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG), co apoio da Xunta

A titular de Igualdade sinala que Galicia seguirá a situarse na vangarda da loita contra a violencia de xénero e a discriminación da muller, ao permitir visibilizar desigualdades e avanzar para erradicalas coa nova Lei de igualdade, en tramitación
 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que a Lei de medidas fiscais e administrativas (Lei de acompañamento) modificará a normativa autonómica de igualdade para considerar ás vítimas de explotación sexual como vítimas de violencia de xénero polo que, segundo apuntou, poderán acceder ás axudas e recursos da Xunta para facer fronte a esta lacra social.

Lorenzana avanzou esta modificación na Lei, na súa intervención por videoconferencia na inauguración do IV Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero que se celebrou baixo o título A igualdade e a violencia de xénero en tempos de guerra, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) coa colaboración da Xunta.

A conselleira de Igualdade agradeceu o labor diario dos periodistas por informar sobre a vulneración dos dereitos das mulleres que se acrecentan nos conflitos bélicos e animou a aproveitar a posibilidade que brindan os medios de comunicación, tradicionais e dixitais, para que “as demandas das mulleres sexan máis fortes”. Apuntou que hai que seguir avanzando nunha maior participación das mulleres na política internacional e nos medios de comunicación e sinalou a importancia de aunar esforzos para acadar unha igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes.

Para acadar este reto, afirmou que “Galicia seguirá a situarse na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller”, ao permitir visibilizar desigualdades e avanzar para erradicalas, coa nova Lei galega de igualdade en tramitación.

A futura normativa Impulsará a protección das mulleres fronte a ataques sexistas por medios tecnolóxicos; promoverá programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia sexual; recoñecerá a discriminación múltiple da muller por discapacidade, etnia, idade, pobreza ou inmigración; introducirá a idea do benestar laboral vencellada coa conciliación, a maternidade, a prevención de riscos ou o teletraballo; fará de Galicia a primeira comunidade autónoma en regular os requisitos mínimos de formación en igualdade laboral; e creará un Estatuto das mulleres rurais e do mar cunha relación propia de dereitos.

Lorenzana referiuse tamén ao recentemente aprobado I plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024 ao que se destinarán máis de 7 millóns de euros para fortalecer os recursos de atención integral ás vítimas. “O documento é resultado dun proceso de elaboración participativo, coas aportacións das entidades da Rede Galega contra a Trata ( o 61% das medidas saíron dela)”, indicou.  

VIII Plan estratéxico

O Goberno galego, ademais, -destacou a conselleira- ten deseñada unha folla de ruta co reto de avanzar na loita contra as discriminacións e previr a violencia de xénero nos próximos anos. Trátase do  VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 xa aprobado, ao que destina un orzamento de máis de 935 millóns de euros, o maior da historia dun documento de planificación destas características.

É unha iniciativa marco que engloba os diferentes plans de igualdade da Xunta, entre outros, o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025; o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade do que se está a elaborar unha nova edición; o Plan galego contra a trata; ou o Estatuto da muller rural e do mar que formará parte da nova Lei de igualdade.

“Queremos facer de Galicia un territorio onde as mulleres poidan gozar plenamente dos seus dereitos e deixar a súa pegada nos círculos de decisión; unha comunidade na que as empresas eleven o seu compromiso coa igualdade laboral e na que se viva sen violencia e en liberdade, o mellor dos camiños para o desenvolvemento pleno dos seus dereitos”, concluíu Lorenzana.

Imaxes relacionadas