Trenor supervisa o inicio das obras da senda entre Proame e O Cancelo, que completará un itinerario peonil de máis de 7 quilómetros na AC-552 na Laracha cun investimento de 1,3 M€

Executarase un itinerario de uso mixto, para peóns e ciclistas, pola marxe esquerda da vía, con 2,2 km de lonxitude e un ancho medio de 2,5 metros


Os traballos teñen un prazo de execución de dez meses


Na zona de vivendas e negocios acondicionaranse aparcadoiros en liña, mellorarase a accesibilidade das paradas de autobús e disporase unha pasarela de preto de 16 metros coincidindo co cruce sobre o rego de Quenxe


A nova senda reforzará a seguridade dos veciños e favorecerá os desprazamentos a pé, ao conectar as vivendas da zona de Proame cos principais servizos e equipamentos


O novo itinerario dará continuidade aos xa rematados entre O Cancelo e A Laracha, de 2 km, e ao que une A Laracha e Paiosaco, cun investimento total da Xunta de 3 M€
 

A Laracha (A Coruña), 18 de novembro de 2022 O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e polo xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Álvarez, supervisaron o inicio das obras da nova senda entre Proame e O Cancelo, no concello da Laracha, que permitirá completar un itinerario peonil continuo de máis de 7 quilómetros ao longo da estrada autonómica AC-552 ao seu paso por este municipio. Estas obras terán un custo de 1,3 millóns de euros.

 

A intervención, adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.Lten como principal obxectivo reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños, conectando as vivendas da zona de Proame cos principais servizos e equipamentos do municipio. Os traballos contan cun prazo de execución de 10 meses.

 

Habilitarase un itinerario de uso mixto, peonil e ciclista, pola marxe esquerda e en paralelo á estrada autonómica AC-552, de 2,2 quilómetros de lonxitude e cun ancho medio de 2,5 metros. En tres treitos concretos, onde hai vivendas nas marxes, a senda terá un ancho menor, pero garantirase sempre un mínimo de 1,80 metros.

 

A senda executarase en formigón coloreado, cor terriza, para unha maior integración na contorna. Disporase, ademais, unha franxa verde de separación que oscilará entre os 1 e os 2 metros, en función do ancho dispoñible, e elevada sobre a beiravía.

 

Nas zonas de vivenda ou de negocios habilitaranse aparcadoiros en liña e tamén se mellorará a accesibilidade das paradas de autobús, dispoñendo máis espazo para os peóns e pavimento táctil diferenciado nas zonas de cruce e nas propias paradas.

 

Coincidindo co cruce sobre o rego de Quenxe, executarase unha pasarela de preto de 16 metros de longo, con varanda metálica nun treito, para continuar o itinerario.

 

A intervención completarase con muros de cachotería para soster a senda en tres treitos; a disposición de rega para o mantemento da franxa axardinada; e a colocación de prismas de servizos, para a preinstalación de iluminación e telecomunicacións.

 

A actuación será financiada no marco do programa do Fondo Europeo REACT-EU.

 

A senda entre Proame e O Cancelo dará continuidade aos itinerarios xa rematados en anos anteriores: entre O Cancelo e A Laracha, de 2 km, e entre A Laracha e Paiosaco, cun investimento total da Xunta de 3 M€.

 

Estas actuacións enmárcanse na aposta do Goberno galego polo fomento dunha mobilidade máis saudable e sostible e para favorecer desprazamentos a pé máis cómodos e seguros, que se ten traducido xa na execución de 200 quilómetros de sendas e nun investimento de 50 millóns de euros no conxunto de Galicia.

 

Imaxes relacionadas