O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Ferrol á entrega do galardón empresarial Cofer

A Xunta destaca que a fábrica de Windar en Navantia Fene consolidará o liderado de Galicia na industria de compoñentes da eólica mariña

Asegura que é un dos proxectos que marcará un antes e un despois na industria da zona, que se está preparando para ser un referente da transición enerxética xusta

Ferrol, 17 de novembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegurou esta tarde en Ferrol, durante á entrega do galardón empresarial Cofer ao presidente de Windar Renovables, Orlando Alonso, que a fábrica desta empresa en Navantia Fene consolidará o liderado de Galicia na industria de compoñentes da eólica mariña.

 

Conde explicou que este proxecto é un dos que marcará un antes e un despois na industria de Ferrol, que xunto con Eume e Ortegal se está preparando para ser un referente de transición enerxética xusta. Así, o proxecto de Windar no estaleiro de Navantia para a construción dunha fábrica de monopiles XXL ten xa un pedido en carteira para o parque eólico Moray West en Escocia.

 

Xunto con este proxecto destacan a planta de hidróxeno verde que Reganosa e EDP Renovables estudan implantar nas Pontes; a factoría de pneumáticos de Sentury Tire, tamén nas Pontes; a planta de valorización de residuos nas Somozas de Valogreene e Recinor; a futura fábrica coa que Ence busca completar o ciclo do papel en Galicia; a planta de electrolizadores de Repsol nas instalacións de Navantia; ou a factoría de compoñentes de eólica mariña de Nervión Naval Offshore no porto exterior de Ferrol.

 

O vicepresidente económico destacou a aposta que Galicia está facendo pola colaboración público-privada e amosou a súa esperanza de que o Goberno central se sume, axilizando a construción do taller de sub-bloques, dotando o dique seco do orzamento necesario para a súa execución e convocando canto antes o Perte do naval, para o que Galicia
-grazas á colaboración entre Xunta e Pymar- contará cunha oficina técnica de apoio ás pemes do sector.

Imaxes relacionadas