Lorenzana avanza en Vigo que Pontevedra Leste e Sur contará en 2023 cun polo de emprendemento no rural

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na gala de entrega do XVII Premio Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora de AJE Vigo

Sinala que a Xunta está a depregar por toda Galicia doce polos para fomentar a cultural empresarial, apoiar e estimular á mocidade emprendedora e dar un pulo aos proxectos nas súas diferentes fases

Vinte de cada cen euros do orzamento 2023 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinaranse a apoiar aos emprendedores e os autónomos galegos

Lorenzana pon en valor e agradece o esforzo, a valentía e a persistencia das persoas emprendedoras para impulsar o desenvolvemento económico de Galicia

Vigo, 17 de novembro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe en Vigo -na gala de entrega do XVII Premio Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora de AJE Vigo- que Pontevedra Leste e Sur contará en 2023 cun dos doce polos de emprendemento no rural que a Xunta está a despegar por toda a xeografía galega.

Lorenzana destacou que a Xunta aposta polo emprendemento e, por iso, lembrou que ten en marcha unha Dirección Xeral específica de Emprendemento e Apoio ao Emprego para potenciar “como nunca antes” este ámbito. Trátase dunha área estratéxica dotada con 18,2 millóns de euros, un investimento para poñer e marcha os doce polos co reto de fomentar a cultura empresarial, apoiar e estimular á mocidade emprendedora e dar un pulo aos proxectos nas súas diferentes fases.  

Na aposta autonómica polo emprendemento, a conselleira tamén refereriuse a outros programas como o Emega, de fomento do emprendemento feminino para seguir avanzando na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. É unha iniciativa que permitiu este ano na provincia de Pontevedra consolidar 204 empregos femininos e apoiar 117 mulleres emprendedoras. Salientou, así mesmo, o novo programa Impacto Autónomo, que en 2023 permitirá achegar axudas directas medias de 1.200 euros a unhas 25.000 persoas traballadoras autónomas para minimizar o impacto que a suba de custos enerxéticos e das materias primas está a ter na súa actividade.

A conselleira na súa intervención agredeceu e puxo en valor o labor dos emprendedores galegos aos que recoñeceu o seu “esforzo, valentía, persistencia e tenacidade” para contribuír ao desenvolvemento económico de Galicia. “Sodes o noso motor económico, representando, entre pemes e micropemes o 90% do noso tecido produtivo, e, por iso, vinte de cada cen euros do orzamento de 2023 da Consellería destínanse ao emprendemento e ao traballo autónomo”, afirmou.

Para rematar, insistiu na importancia da colaboración público-privada e, para iso, apuntou que é importante seguir “camiñando xuntos para acadar unha Galicia máis próspera e de futuro”.

Imaxes relacionadas