Galicia define as prioridades que o Goberno debe ter en conta na planificación eléctrica actual para garantir a viabilidade e competitividade de proxectos industriais clave para a economía galega
O presidente da Xunta resalta a importancia de contar cunha rede eléctrica que permita levar a cabo “proxectos estratéxicos e tractores” para Galicia
O Consello da Xunta avalía o listado de necesidades do cal se lle dará traslado á Administración central, tal e como se comprometeron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión da semana pasada co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico
A ampliación da potencia e a implantación de novas subestacións son imprescindibles para o impulso de proxectos como os de Altri, Showa Denko ou a planta de hidróxeno verde nas Pontes
Inclúe, de novo, a demanda histórica de dotar Vigo dunha subestación de 220kV que garanta a subministración de Stellantis e de toda a área industrial da zona
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello avaliou na súa reunión desta mañá as prioridades do Goberno galego de cara á modificación da planificación da rede de transporte eléctrica da Comunidade, proxectos que a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, se comprometeu a estudar, tras a reunión mantida a semana pasada co presidente galego. Rueda explicou que a Xunta vai enviar “de inmediato” un documento coas modificacións que considera necesarias na rede eléctrica, “agardando que sexan tidas en conta e se fagan as actuacións necesarias para facelas realidade”.
“O obxectico é contar cunha rede eléctrica que permita levar a cabo proxectos estratéxicos e tractores para Galicia”, indicou Rueda, quen lembrou que a anterior Planificación Eléctrica para o período 2021-2026 deixou “fóra a algunhas industrias” que planean investimentos claves na Comunidade e non da cabida a novos proxectos que xurdiron desde entón.
Nesta lista de prioridades, que segundo explicou Rueda vaise trasldar ao Goberno central, destacan infraestruturas que serán claves para garantir a viabilidade e competitividade de proxectos industriais intensivos en enerxía que se queren implantar en Galicia e que precisan da conexión á rede eléctrica como son o caso de Altri, Showa Denko ou a planta de hidróxeno verde das Pontes, entre outros, ademais de manter a demanda histórica da subestación de Vigo.
Así, solicítase a construción dunha nova subestación eléctrica, unha liña de conexión e unha entrada e saída á liña de 220kV existente Mesón do Vento-Belesar para que Altri poida operar en condicións óptimas.
A área da Coruña conta con varios proxectos industriais como a nova fábrica de ánodos de grafito para baterías de Showa Denko ou a planta de amoníaco verde de Armonía que fan necesario ampliar as capacidades actuais. Deste xeito proponse que Red Eléctrica Española amplíe a capacidade da subestación existente de 220kV.
Meirama é outra das localizacións que precisará ampliar a subestación actual, xa que se prevén proxectos como a planta de xeración de hidróxeno verde promovida por Repsol, Naturgy e Reganosa.
Con respecto á zona das Pontes -onde se pretenden implantar iniciativas como a fábrica de hidróxeno verde de EDP e Reganosa -H2Pole-, a biofábrica de Ence ou a central hidroeléctrica reversible promovida por Magtel- é necesario determinar o destino dos 1400MW de capacidade dispoñible no nó existente para ver a compatibilidade no proceso de desmantelamento parcial da central térmica das Pontes cos proxectos industriais e enerxéticos que se queren desenvolver na zona.
Ademais, a Xunta de Galicia volve insistir na inclusión da nova subestación de 220kV para a zona industrial de Vigo. Mantense como prioridade a garantía dunha subministración eléctrica de calidade tanto para a fábrica de Stellantis en Vigo, como para toda a área industrial da zona. “É unha demanda histórica”, lembrou Rueda.
O Goberno galego dará traslado destas medidas co obxectivo de que o Executivo central poida aprobar as modificacións necesarias na planificación actual para dar viabilidade a proxectos tractores que Galicia está impulsando. Neste sentido, a Comunidade foi moi penalizada na actual planificación eléctrica 2021-2026, aprobada en marzo deste ano, pois só se lle asignou un 1,1 % do total fronte á planificación anterior en que recibiu un 6,7 %.
Estas propostas son fundamentais tanto para dar cobertura á industria galega -a que xa está asentada e a que quere implantarse na Comunidade- como para facer fronte á transición enerxética, xa que se trata de infraestruturas clave para impulsar a recuperación económica. O Goberno galego considera que a planificación debe adaptarse ás novas necesidades industriais e de xeración de enerxía para acompañar as empresas ofrecendo seguridade e certezas para facer fronte aos cambios do contexto actual.