Emigración e a Fundación Ronsel fan balance dos programas de apoio aos galegos retornados no 2022

Ambas entidades colaboran a través do programa Merlo e a través dunha iniciativa de formación para bolseiros Beme coa mentorización dos galegos retornados, tanto na busca de emprego como no éxito das súas iniciativas empresariais

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director da Fundación Ronsel, Luis Deber, fixeron esta mañá balance dos programas de apoio aos galegos retornados no 2022 que están a executarse en colaboración entre as dúas entidades e que teñen como obxectivo favorecer a empregabilidade dos bolseiros Beme e garantir o éxito das iniciativas empresariais dos galegos retornados emprendedores.

Neste 2022, o programa “Merlo” de mentorización para emprendedores galegos retornados axuda a máis de 90 galegos retornados , desenvolvemento unha iniciativa de atención personalizada que ten coma obxectivo consolidar os seus negocios ou actividades profesionais, de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia.

Este servizo de acompañamento conta coa figura dun mentor que reforza as habilidades e fortalezas de cada emprendedor para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade e produtividade do seu negocio.

 

A maiores, Ronsel tamén está a ofrecer un programa formativo para os beneficiarios das bolsas de Excelencia Mocidade Beme deste ano, que ten coma obxectivo aportarlles as ferramentas necesarias para a busca de emprego ou a posta en marcha dun proxecto empresarial propio.

 

Durante esta reunión, Rodríguez Miranda e Luis Deber tamén analizaron as posibles accións a realizar o próximo ano, dado o éxito que están a ter estes dous programas entre os participantes, que valoraron moi positivamente o seu apoio e mentorización.

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídos os galegos emprendedores retornados, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría e membro dende 2015 da Red de Youth Business Spain, coa que se desenvolve esta metodoloxía de promoción e apoio ao emprendemento dirixida ao autoemprego e a creación de emprego.

Imaxes relacionadas