Os conselleiros do Mar e do Medio Rural participaron hoxe na inauguración da I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo)

Galicia aposta pola incorporación das novas tecnoloxías aos labores de control e estudo do medio mariño e terrestre

Rosa Quintana destaca que dispositivos como os drons constitúen unha solución para optimizar o salvamento marítimo, a loita contra a contaminación mariña accidental e o furtivismo e a preservación dos ecosistemas fluviais e costeiros

José González pon en valor a importancia do I Congreso internacional de incendios forestais Interlumes, que se desenvolve no marco da feira co ánimo de reforzar a resposta na extinción de lumes forestais na fronteira de España e Portugal

O recinto feiral de Silleda acollerá en 27.800 metros cadrados de superficie, 284 firmas expositoras cos sistemas e o equipamento máis innovador nestes sectores, máis de 90 conferencias e ducias de demostracións e simulacros

Silleda (Pontevedra), 17 de novembro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron hoxe na inauguración da primeira edición da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo), onde subliñaron a importancia de incorporar as últimas tecnoloxías co obxectivo de facilitar a seguridade, o estudo e control do medio mariño e terrestre.

Nesta liña, a titular de Mar incidiu en que dispositivos como os drons constitúen unha solución para optimizar as tarefas de salvamento marítimo, combater a loita contra a contaminación mariña accidental, mellorar a preservación dos ecosistemas fluviais e costeiros e perfeccionar a vixilancia do furtivismo. Unha tecnoloxía, tal e como explicou Rosa Quintana, coa que se reforzou tanto o labor do Servizo de Gardacostas –que conta con presenza nesta feira– como a recollida de mostras e a medición de parámetros de calidade da auga de forma autónoma a través do proxecto Mar-2, o que mellora o desenvolvemento da actividade por parte dos profesionais do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).  

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, louvou o labor do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia, un dispositivo co que -segundo dixo- a Xunta está plenamente comprometida para garantir a súa profesionalidade e eficacia, ao tempo que se considera prioritaria a súa seguridade e integridade. Neste senso, destacou o futuro Centro integral de loita contra o lume de Toén, un complexo permanente para a cooperación, a investigación e a formación continua do que se poderán beneficiar bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios forestais.

 

Poñendo en valor o bo facer dos expositores presentes en Sedexpo, tamén quixo referirse ao I Congreso internacional de incendios forestais Interlumes, que se desenvolverá entre hoxe e mañá no marco da feira. Un Congreso que -tal e como explicou- se celebra ao abeiro deste proxecto europeo que ten por obxectivo fundamental reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais na fronteira de España e Portugal. Nese senso, abordaranse cuestións como a planificación territorial de cara á prevención de grandes incendios forestais, os lumes en relación coa xestión da paisaxe, experiencias e leccións aprendidas tras os incendios de xullo no Courel e Valdeorras ou o balance da campaña deste verán, do que dará conta o titular de Medio Rural.

Nesta primeira xornada da iniciativa que terá lugar desde hoxe ata o sábado na Feira Internacional de Galicia Abanca en Silleda, tamén estiveron presentes o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral da Fundación da Semana Verde, Ricardo Durán.

A feira

Nunha superficie de 27.800 metros cadrados, Sedexpo acollerá desde hoxe e ata o sábado a área expositiva do certame e un completo programa con exhibicións, simulacros e xornadas de primeiro nivel para dar a coñecer esta industria e os seus profesionais.

 

A exposición reunirá case un cento de expositores directos que, unidos aos representados por eles, ascenden a 284 firmas de 26 países. Neste espazo amosaranse as últimas novidades en equipamento e sistemas de seguridade para as forzas e corpos de seguridade e os servizos de emerxencia, equipos de protección, tecnoloxía aplicada, ferramentas de ciberseguridade, xunto con dispositivos de detección e extinción de incendios, simuladores ou servizos de consultoría e enxeñería. A Policía Autonómica participará con expositor propio e tamén nun simulacro no lago do recinto sobre unha busca subacuática con buzos e un dron submariño.

 

Tamén se levarán a cabo máis de 90 conferencias en 6 salas funcionando ao mesmo tempo na feira nas que se abordarán temas tan relevantes como a ciberseguridade, a transformación dixital nos organismos de seguridade e emerxencias, a Civil UAVs Initiative liderada pola Xunta de Galicia, as actuacións das policías locais de Galicia ou solucións de comunicación co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

 

A programación de Sedexpo completarase con talleres e presentacións como a da plataforma intelixente de supervisión de emerxencias para a frota pesqueira galega e tamén simulacros e demostracións relacionados coa extinción de incendios, rescates, excarceracións e o uso de drons en situación de seguridade e emerxencia.

Imaxes relacionadas