A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou na presentación do proxecto da Deputación Provincial de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga

A Xunta aposta pola dixitalización da xestión da auga para acadar o seguimento en tempo real dos sistemas de saneamento e de abastecemento

Teresa Gutiérrez aposta pola implantación de ferramentas para ter monitorizados os sistemas dos servizos da auga, de forma que se poidan detectar facilmente los problemas e tomar decisións para resolvelos con axilidade
 

Explica que a dixitalización facilita aos xestores axustar as demandas de auga, evitando perdas e ineficiencias, e unha mellor atención das necesidades dos cidadáns sen producir danos ao medio
 

Remarca que a xestión do ciclo integral da auga é un gran reto para as administracións responsables, que deben servir auga á poboación e devolvela ao medio natural nun contexto de menos precipitacións e maiores exixencias de calidade

Ourense, 17 de novembro de 2022 A Xunta aposta pola dixitalización da xestión do ciclo integral da auga para un mellor control dos sistemas de saneamento e de abastecemento, mediante un seguimento en tempo real que permita garantir servizos máis eficientes á poboación.

 

Así o subliñou hoxe a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, que xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou na presentación do proxecto de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga da Deputación provincial de Ourense, coa participación, tamén, do seu presidente, José Manuel Baltar.

 

Teresa Gutiérrez salientou que a dixitalización é unha ferramenta que favorece unha xestión máis óptima dos recursos, ao permitir ter monitorizados os principais elementos do sistema: captación, depósitos, estacións de tratamento de auga potable, puntos de entrega, entradas nas depuradoras ou parámetros básicos na auga de abastecemento. Dese xeito, engadiu, é posible identificar os problemas e adoptar con axilidade para resolvelos.

 

Teresa Gutiérrez explicou que a dixitalización facilita aos xestores axustar as demandas, evitando perdas e ineficiencias, e unha mellor atención das necesidades dos cidadáns sen producir danos ao medio.

 
Fixo fincapé en que a xestión do ciclo integral da auga é un reto para as administracións responsables, pois trátase de obter auga, transportala e tratala para servila; e logo recollela e tratala de novo para devolvela ao medio nas condicións axeitadas.

Imaxes relacionadas