A Xunta remata as obras da senda peonil e de mellora do firme na estrada AC-221 en Abegondo
Esta actuación, cun investimento de máis de 48.000 €, centrouse no treito da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 10+640 e 10+960
A nova senda ten unha lonxitude de 140 metros e un ancho de 1,5 metros
Para a súa execución desprazouse o eixo da estrada, para gañar espazo nunha zona na que as edificacións se atopan moi próximas ao borde da calzada
Tamén se rehabilitou o firme con formigón bituminoso en quente e mellorouse a drenaxe lonxitudinal
A Xunta continúa dotando as vías autonómicas de itinerarios seguros, sostibles e saudables para favorecer os desprazamentos a pé dos cidadáns
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras da nova senda e de mellora do firme na estrada autonómica AC-221 no concello de Abegondo.
Os traballos, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, desenvolvéronse entre os puntos quilométricos 10+640 e 10+960, dotando esta zona, que carecía dun espazo seguro para o tránsito peonil, dun itinerario propio. Procedeuse, ademais, á rehabilitación do firme.
Máis en detalle, a nova senda ten unha lonxitude aproximada de 140 metros e sitúase nun espazo no que as edificacións se atopan moi próximas ao borde da calzada. Para a súa execución foi necesario desprazar o eixo da estrada para permitir que o ancho do novo itinerario acadase os 1,5 metros.
Nos traballos de rehabilitación do firme empregouse formigón bituminoso en quente. Tamén se realizou a drenaxe lonxitudinal da estrada mediante unha tubaxe de 315 de PVC e sumidoiros.