A Xunta licita por máis de 10,3 M€ as obras de ampliación da capacidade e de mellora do funcionamento da estación depuradora de augas residuais de Sada

Trátase de incrementar o volume de depuración, minimizar os actuais problemas de vertidos en tempo de choiva e tratar todas as augas residuais xeradas no municipio nun escenario futuro
 

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de xaneiro
 

A Xunta financia integramente as obras no marco dunha colaboración co Concello de Sada, que asumirá a conservación das novas instalacións
 

Esta intervención realizarase en 2 fases para garantir en todo momento o funcionamento da depuradora municipal
 

A nova depuradora de Sada está deseñada para atender as necesidades dunha poboación de 24.393 habitantes no ano horizonte 2044 e unha achega industrial de 6.070 habitantes equivalentes

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 10.306.727 euros as obras necesarias para ampliar a capacidade e mellorar o funcionamento da estación depuradora de augas residuais de Sada.

 

O obxectivo desta intervención da Xunta é dotar a instalación hidráulica municipal de capacidade para tratar os volumes de auga almacenados na rede, minimizar os problemas actuais de vertido en tempo de choiva e depurar todas as augas residuais xeradas no municipio nun escenario futuro.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio da contratación conxunta da redacción do proxecto e da execución das obras necesarias para adecuar a capacidade de tratamento da depuradora ás necesitades actuais do sistema de saneamento municipal.

 

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de xaneiro, e o obxectivo da Xunta é poder iniciar os traballos no segundo semestre do 2023.

 

Esta intervención no municipio coruñés enmárcase na colaboración técnica-financeira autorizada polo Executivo autonómico no Consello da Xunta do pasado día 27 de outubro. Mediante ese acordo, o Goberno galego asume integramente o financiamento e execución das obras, comprometéndose o Concello de Sada a recibir as obras, así como ao mantemento e conservación das instalacións executadas.

 

Os traballos estarán cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

 

O detalle das obras a executar

A Xunta impulsa con esta licitación unha actuación recollida como prioritaria no Plan director de saneamento neste municipio coruñés, para a mellora dos sistemas de saneamento e depuración na ría de Ares-Betanzos.

 

Trátase de solucionar a problemática actual da depuradora de Sada, que non dispón neste momento de capacidade hidráulica para xestionar os caudais xerados.

 

As obras, que se executarán na mesma parcela que ocupa a estación depuradora actual, incluirán os traballos previos necesarios para manter o servizo de depuración existente durante as dúas fases de construción previstas.

 

A primeira fase desta obra incluirá a instalación dunha nova arqueta de reparto aos pretratamentos, a construción dunha nova liña de pretratamento, a modificación do primeiro reactor para a súa conversión nun tratamento biolóxico de leito móbil, e reforma provisional da liña de lamas.

 

Unha vez executadas estas infraestruturas, procederase á posta en marcha do proceso MBRR, pertencente á categoría de procesos biolóxicos usados no tratamento de augas residuais, e darase inicio á seguinte fase.

 

Nesta segunda fase da obra, construirase a segunda liña de pretratamentos, procederase á reconversión do segundo reactor biolóxico a MBBR, á implantación de novos decantadores de tipo lamelar e á reforma final da liña de lodos. Tamén se inclúe a electricidade e automatismo.

 

Durante toda a execución das obras garantirase o funcionamento da planta de tratamento de augas residuais e ao remate procederase á demolición de todas as infraestruturas que queden fóra de servizo.

 
Con estas actuacións, a nova planta de tratamento de augas residuais de Sada quedará dimensionada para atender ás necesidades dunha poboación de 24.393 habitantes no ano horizonte 2044 e 6.070 habitantes equivalentes en achega industrial. Deste xeito, a depuradora deséñase para que poida tratar unha contaminación equivalente a máis de 30.000 persoas, para facer fronte ás necesidades de poboación fixa e estacional que reciba e da industria.