O Goberno galego financia con máis de 840.000 euros catro programas integrados de emprego nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, os Concellos de Ferrol e As Pontes e a Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia son as entidades beneficiarias destas axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
 

A convocatoria 22-23 conta cun investimento de 10,2 M€ o que permitirá poñer en marcha 40 programas integrados de emprego en toda Galicia

Ferrol, 17 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia financia este ano con 840.500 euros catro programas integrados de emprego nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta esta mañá da resolución pola que Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aprobou conceder este programa na anualidade 2022-23 á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, aos concellos de Ferrol e As Pontes e á Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia, esta última na liña de entidades sen ánimo de lucro.

 

Así, á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol concedéuselle unha achega autonómica de 225.000 euros para o desenvolvemento dun programa integrado de emprego exclusivo para mulleres e cuxo ámbito de actuación abarca os municipios de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Narón, Neda, Valdoviño e Mugardos. A previsión é que alcance un 35% da inserción laboral.

 

O Concello de Ferrol verase beneficiado doutos 217.000 euros para financiar un programa integrado de emprego de carácter xeral e cun compromiso de integración ao mercado laboral do 41% dos participantes. Pola súa banda o Concello das Pontes percibirá 148.500 euros para financiar outro programa integrado de carácter xeral e cuxo ámbito de actuación inclúe tamén aos Concellos das Somozas e da Capela. Neste caso a previsión de inserción laboral sitúase no 42%.

 

Entidades sen ánimo de lucro

No apartado de entidades sen ánimo de lucro, tamén se concedeu un programa integrado de emprego á Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia, cuxo ámbito abrangue tamén varios municipios da contorna como Ferrol, Narón, Neda, Fene, Ares e Mugardos. Nesta ocasión a achega autonómica ascende a 250.000 euros e o compromiso de integración no mercado laboral é do 45%.

 

Esta convocatoria conta cun investimento de 10,2M€ para toda Galicia o que permitirá poñer en marcha 40 programas integrados de emprego “para formar e incrementar as oportunidades laborais dunhas 4.100 persoas desempregadas”, puntualizou a delegada territorial.

 
Martina Aneiros destacou a aposta da Xunta por estes programas, cun incremento do orzamento da presente convocatoria dun 2% que se manterá no curso 2023-2024. Ademais puxo en valor o bo resultado destas iniciativas ás que o Goberno galego destinou preto de 84,5 millóns de euros entre 2009 e 2021, o que permitiu a participación de preto de 46.200 persoas de toda Galicia.