A Xunta de Galicia inxecta preto de 400.000 euros na comarca en axudas a través do grupo de acción local do sector pesqueiro Golfo Ártabro Norte
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a Panadería Patricio, beneficiaria dunha achega de preto de 146.000 euros
O establecemento eumés adquiriu nova maquinaria para a posta en marcha dunha nova liña de elaborados de pan, empanadas e chocolates con produtos do mar¡
A Consellería do Mar inxectou este ano preto de 400.000 euros en axudas a diversos proxectos da comarca a través do grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte ao abeiro da convocatoria de 2022. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial da Consellería do Mar, María José Cancelo, achegouse esta mañá ata a Panadería Patricio, en Pontedeume, beneficiaria dunha desas achegas.
O establecemento adquiriu cun apoio autonómico de case 146.000 euros nova maquinaria para a posta en marcha dunha nova liña de elaborados de pan, empanadas e chocolates con produtos do mar, concretamente algas, que empezarán a comercializar de contado. Este proxecto permitirá tamén a creación de dous novos postos de traballo, ademais de manter o plantel actual.
O proxecto da Panadería Patricio é unha das oito iniciativas beneficiarias ao abeiro da liña de proxectos produtivos da convocatoria e que deixou na comarca axudas por valor de preto de 206.000 euros. A este investimento hai que sumar os 183.000 euros da liña de proxectos non produtivos da convocatoria.
Grupos de acción local do sector pesqueiro
Os actuais grupos de acción local do sector pesqueiro dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación da estratexia de desenvolvemento local participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desa estratexia.
A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) -os municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal están adscritos a dous: o GALP A Mariña-Ortegal e o GALP Golfo Ártabro Norte- contribúe a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e á xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén favorece a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.
Os GALP de Galicia desenvolveron máis de 660 iniciativas entre a primeira convocatoria de axudas no ano 2016 e o 2021. Estes proxectos contaron con máis de 38 millóns de euros de axuda pública e catalizaron preto de 43 millóns de euros de investimento privado, o que supuxo un investimento total de máis de 80 millóns de euros.
DISTRIBUCIÓN DAS AXUDAS DO GALP GOLFO ÁRTABRO NORTE
LIÑA DE PROXECTOS PRODUTIVOS
PROXECTO | BENEFICIARIO | IMPORTE |
Furgoneta isoterma e balanza electrónica | Cristina Leal Rodríguez | 12.440,08 |
Nova liña de elaborados de pan, empanadas e chocolates con produtos do mar | Panadería Patricio SL | 145.784,20 |
Remolque para traslado de embarcación | Nicolás Meis Díaz | 2.320,00 |
Vehículo con isotermo, transporte e venda de produtos de pesca artesanal | Juan Santiago Alonso Cudillero | 20.212,94 |
Compra furgón isotermo | Juan Alberto Pazo Valdés | 9.874,77 |
Compra de furgoneta | Salvador Piñeiro Montero | 13.709,62 |
Adquisición de balanza colgante 20V10 | Francisco Cartelle Rodríguez | 860,40 |
TOTAL | 205.202,01 € |
LIÑA DE PROXECTOS NON PRODUTIVOS
PROXECTO | BENEFICIARIO | IMPORTE |
Mellora da actividade marisqueira | Confraría de Pescadores de Barallobre | 106.558,80 |
Automóbiles para a mostraxes e vixilancia, escáner e impresora | Confraría de Pescadores de Ferrol | 45.546,02 |
Mellora da actividade pesqueira e marisqueira | Confraría de Pescadores de Mugardos | 5.015,26 |
Instalación de cámaras de seguridade na nave do porto | Confraría de Pescadores de Ares | 9.164,00 |
Dragon boat no Golfo Ártabro | Cabanas KDM | 16.379,76 |
TOTAL | 182.663,84 € |