A Xunta concede axudas por preto de 210.000 € para mellorar a xestión dos residuos domésticos nunha vintena de concellos

Financiarase a implantación de cinco puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada e catro actuacións destinadas á prevención da xeración de residuos e á reutilización a través da creación de espazos públicos de autorreparación

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subvenciona o 90% do importe destes proxectos cun límite máximo de 30.000 euros por cada actuación

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022

A Xunta acaba de conceder axudas por un importe global de case 210.000 euros para mellorar a xestión dos residuos municipais domésticos nun total de 18 concellos. Segundo a resolución publicada hoxe no DOG, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subvencionará 10 proxectos, dos cales 5 permitirán instalar puntos limpos de proximidade para facilitar a recollida separada e os 5 restantes servirán para a creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos para incidir na reutilización e previr a xeración de residuos.

 

Cómpre lembrar que esta liña de incentivos, dirixida tanto a entidades locais e supramunicipais como a agrupacións de concellos, foi convocada o pasado mes de xuño co obxectivo de promover a implantación de medidas para avanzar na xestión dos residuos domésticos de competencia municipal e en consonancia cos obxectivos do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022.

 

En concreto, a orde incluía dúas liñas de actuación e en ambos casos o importe máximo da axuda non podía exceder o 90% do custo total do proxecto subvencionado. A primeira ía destinada á creación de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios de diversa índole —mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes, etc.— para alongar a vida útil dos materiais. Neste caso, prevíanse incentivos de ata 20.000 euros para proxectos solicitados por un só concello e de ata 30.000 euros cando a subvención corresponda a máis dunha entidade local.

 

En canto á segunda liña de financiamento, o obxectivo era subvencionar actuacións para a instalación de puntos limpos de proximidade cun importe máximo de 10.000 euros por solicitude individual, que se incrementará ata os 30.000 euros no caso de agrupacións.

 

Cómpre lembrar que con estas axudas búscase a implantación de proxectos municipais que se axusten ao esquema de prioridades da xerarquía en materia de residuos: favorecer a redución do depósito en vertedoiro; reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro; contribuír ao alongamento da vida útil dalgúns produtos e ao incremento da dispoñibilidade de materias primas secundarias para os procesos industriais; e favorecer a separación de residuos de características especiais a través dunha axeitada clasificación.