Fernández-Tapias condena os ataques aos xuíces e amosa o seu “apoio e respaldo” á labor da xudicatura na apertura das Xornadas de Dereito Privado en Vigo

A delegada da Xunta en Vigo participou este xoves na presentación do congreso de Xuízas e Xuíces pola Democracia na cidade

“É inadmisible e intolerable os ataques do Goberno central aos xuíces ante un erro garrafal na nova Lei de Garantía da Liberdade Sexual”, sinalou

Vigo, 17 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este xoves na apertura das X Xornadas da Comisión de Dereito Privado que a asociación Xuízas e Xuíces pola Democracia celebra na cidade este 17 e 18. Durante a súa intervención, a representante autonómica condenou os ataques á xudicatura por parte do Goberno central nas últimas horas a raíz das eivas que contén a nova Lei de Garantía da Liberdade Sexual.

“Hoxe debemos reivindicar a ilustre tarefa de administrar xustiza de forma independente e responsable, sometidos unicamente ao impero da lei. Creo que isto é básico e fundamental, porque quero incidir hoxe na imprescindible independencia do poder xudicial e da necesidade de defender a súa labor”, sinalou.

Fernández-Tapias engadiu que “son inadmisibles e intolerables os ataques do Goberno central” acusando ao xuíces de administrar “xustiza machista” tras cometer un “erro garrafal da lei” do que xa se avisara desde a xudicatura. “Desde aquí todo o meu apoio, respecto e respaldo ao voso traballo”, sinalo.

No acto, celebrado na sede da Deputación, participaron tamén Ana García Orruño,coordinadora da Comisión de Dereito Privado de Xuízas e Xuíces pola Democracia; Edmundo Rodríguez Achutegui, maxistrado e coportavoz da asociación, a concelleira Yolanda Aguiar e o deputado Carlos López Font.

A delegada da Xunta deu a benvida aos participantes nas xornadas e invitounos a visitar a Cidade da Xustiza, construída pola Xunta de Galicia cun investimento de máis de 42 millóns e agora mesmo en pleno proceso de traslado desde os edificios da rúa Lalín.

A Comisión de Dereito Privado do colectivo elixiu Vigo para realizar este congreso e abordar durante dous días a preocupación pola situación dos usuarios da administración de xustiza, profesionais do dereito, persoas consumidoras e quen acode a solicitar tutela xudicial efectiva na administración de xustiza.

Máis de 30 xuízas e xuíces de toda España debaterán sobre as novidades lexislativas en materia de persoas con diversidade funcional, a segunda oportunidade para familias insolventes, as razóns polas que se mantén unha elevada litixiosidade bancaria e os problemas actuais do dereito de familia e protección dos menores.

Imaxes relacionadas