O conselleiro do Medio Rural participou na conferencia “A nova PAC xa está aquí” que organiza en Lugo o Banco Santander

A Xunta mantén a súa esixencia de que se flexibilicen os requisitos para o cobro das axudas da PAC mentres perdure a inflación e a crise económica

José González sinalou que é necesario aliviar e facilitar a actividade do noso sector primario, sobre todo en momentos conxunturais como o actual

Destacou “algúns logros moi beneficiosos” conseguidos na negociación por parte galega, xunto ao resto de comunidades da Cornixa cantábrica, malia que a PAC fora definida polo propio ministro Planas como “mediterránea”

Fixo especial fincapé na consecución dunha reclamación histórica de Galicia, en relación co déficit de superficie computable a efectos do cobro de axudas da PAC, así como o aumento das achegas asociadas ao vacún de leite

Lugo, 16 de novembro de 2022

A Xunta mantén a esixencia de que se flexibilicen os requisitos para o cobro das diferentes axudas directas dentro da nova Política Agraria Común, a PAC. Así o defendeu hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa intervención na conferencia “A nova PAC xa está aquí”, que organiza o Banco Santander e que se celebra en Lugo. O conselleiro sinalou que esta demanda de Galicia para que se relaxen os requisitos incluídos na “condicionalidade reforzada” mantense mentres perduren as condicións á alza de prezos nas materias primas de alimentación, no subministro de enerxía, combustibles, así como a inflación e a crise económica, entre outros factores.

 

A condicionalidade significa que as persoas beneficiarias das axudas da PAC deben cumprir unhas normas e boas prácticas en materia de clima e medio ambiente, así como de saúde pública, fitosanidade e benestar dos animais. Se non o fan, os pagos diminúen ou se suspenden por completo.

 

Para José González, que estivo acompañado neste acto polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, trátase dunha petición fundamental e entendible “para calquera Goberno, sen excepción, tamén para o Central”. Isto posto que, engadiu o conselleiro, “temos que aliviar e facilitar a actividade do noso sector primario, sobre todo en momentos conxunturais como o actual”.

 

Equilibrio e xestión sustentable do territorio

Ademais, o titular de Medio Rural advertiu que o desenvolvemento sustentable “é o único ao que podemos optar”, pero indicou, ao tempo, que “en ningún caso” esta sustentabilidade debe traer consigo esixencias adicionais á actividade agraria. Avogou, en definitiva, por buscar un equilibrio entre facilitar a actividade e que esta actividade permita unha xestión sustentable do territorio.

 

Neste contexto, o conselleiro puxo en valor o fomento de prácticas ambientais sustentables a través dos chamados eco-esquemas da PAC. Así, trasladou que estas axudas son unha boa liña de acción, sempre e cando reflictan a realidade dos nosos agricultores e gandeiros, algo que Galicia defendeu ao longo de todo o proceso negociador da nova PAC. Neste sentido, González valorou como beneficiosos para a nosa comunidade os eco-esquemas relacionados co uso de pastos, tanto permanentes como temporais.

 

Por outra banda, o conselleiro destacou “algúns logros moi beneficiosos” conseguidos na negociación por parte galega, xunto ao resto de comunidades da Cornixa cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco), malia que a PAC fora definida polo propio ministro Planas como “mediterránea”. Así, fixo especial fincapé, por exemplo, na consecución dunha reclamación histórica de Galicia, en relación co déficit de superficie computable a efectos do cobro de axudas da PAC.

 

Lei de recuperación da terra

Desta forma, grazas á presión da Xunta permitiuse por parte do Ministerio de Agricultura un novo acceso á Reserva Nacional de dereitos para tratar de corrixir este déficit, grazas ás figuras incluídas na Lei de recuperación da terra agraria. Isto, salientou González, implica un incremento da superficie agraria útil da nosa comunidade, de forma que todas aquelas hectáreas mobilizadas baixo as ferramentas da devandita lei terán acceso privilexiado ás axudas da PAC. E engadiu que Galicia deixará de ter un diferencial negativo de ata 30 puntos porcentuais respecto da media nacional en canto a superficie de dereitos, o que supón un 30 % adicional á superficie que actualmente cobra axudas da PAC.

 

Outro logro importante para Galicia, destacado tamén polo conselleiro, foi o aumento das axudas asociadas ao vacún de leite, que González cifrou nuns 11,8 millóns de euros anuais de incremento. Tamén se referiu ao apoio prestado pola Xunta ao Ministerio para definir a figura do “agricultor activo”, en base a unha porcentaxe mínima de ingresos agrarios sobre os totais.

 

Porén, o titular de Medio Rural insistiu en rexeitar a inclusión neste concepto de agricultor activo daquelas persoas que perciban menos dun certo volume de axudas directas (fixado en 5.000 euros anuais), con independencia do peso dos ingresos agrarios, posto que desnaturaliza por completo a propia definición.

 

Por outra parte, o conselleiro lembrou que nesta negociación da PAC a Xunta defendeu, xunto ás demais comunidades cantábricas, unha reasignación verdadeira e efectiva das axudas cara as explotacións agrícolas e gandeiras profesionais e de carácter familiar. Algo que se segue defendendo, pero con matices, na medida en que se demanda unha aplicación dos mecanismos de redistribución de fondos a nivel nacional e non dentro de cada rexión (das 20 establecidas polo Goberno central no Plan Estratéxico da PAC).

 

Fondos para o desenvolvemento rural

Por último, en relación co segundo piar da PAC -fondos para o desenvolvemento rural-, José González explicou que a prioridade galega foi aumentar as asignacións do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) en polo menos un 5 % para as comunidades da Cornixa, pero incidindo na necesidade de equilibrar a carga financeira entre a Administración central e as autonomías. Nesta liña, cualificou como “intolerable” que as comunidades teñan que soportar unha carga financeira superior á propia Administración Xeral do Estado e ademais rexeitou que o deseño das intervencións sectoriais sexa realizado, a expensas da realidade e as necesidades específicas de cada comunidade, por parte do Goberno central.

Imaxes relacionadas