A Xunta destaca o labor de acompañamento das cámaras de comercio ás empresas galegas para axudarlles a ser máis competitivas

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá no Comité Executivo da Cámara de Comercio da Coruña, onde incidiu no compromiso da Xunta en apoio ao tecido empresarial galego co obxectivo de garantir a súa liquidez e fomentar a súa internacionalización

A Coruña, 16 de novembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe ao Comité Executivo da Cámara de Comercio da Coruña, onde puxo en valor o traballo da entidade a prol do asesoramento das empresas galegas acompañándoas para que poidan avanzar na súa internacionalización e dixitalización, ademais de apoiar aos emprendedores da área e apostar pola súa formación.

 

Na reunión co presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, e cos membros o Comité Executivo da entidade, abordouse a situación económica e as previsións do Goberno galego co obxectivo de afrontar os retos das empresas da demarcación ás que representa.

 

Diego Calvo incidiu na necesidade da interlocución coas empresas galegas co obxectivo de estar ao carón das pemes, dos autónomos e dos principais sectores industriais. Neste sentido, sinalou a importancia de que as administracións realicen un exercicio de escoita activa co que dar solución aos retos económicos.

Canto ao compromiso da Xunta para apoiar ao tecido empresarial galego lembrou que os orzamentos de 2023 recollen 140 millóns de euros dirixidos a garantir a liquidez das empresas e outros 360 millóns cos que avanzar na Axenda industrial 2030, entre os que se inclúen 20 millóns que se destinarán a impulsar a internacionalización das pemes.

No marco da colaboración coas cámaras de comercio, a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), contribúe a mellorar a presenza internacional das pequenas e medianas empresas da comunidade coas convocatorias anuais do Plan Foexga, facilitando que leven a cabo accións de promoción nos mercados exteriores

Imaxes relacionadas