A Xunta de Galicia comparte en Brasil a súa experiencia en Compra Pública de Innovación con expertos procedentes de 17 nacionalidades

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, participou esta mañá na apertura institucional do IV Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación (CPI) e Innovación Aberta en Río de Janeiro

Galicia foi convidada a participar na inauguración por ter sido a promotora da primeira edición deste encontro -celebrada en 2018- e por ser unha referencia a nivel estatal e europeo neste eido

Río de Janeiro (Brasil), 16 de novembro de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, participou esta mañá na apertura institucional do IV Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación (CPI) e Innovación Aberta que se está a celebrar en Río de Janeiro (Brasil) ata o venres e que reúne a máis de 300 asistentes procedentes de dezasete nacionalidades.

 

Na súa intervención, Argerey destacou a importancia deste evento para poñer en valor o papel que xogan as Administracións Públicas no impulso á innovación, a través de incentivos como a Compra Pública de Innovación, e subliñou o exemplo de Galicia como referente a nivel estatal e europeo no emprego deste instrumento de contratación pública.

 

A directora da Axencia Galega de Innovación fixo fincapé na visión compartida cos países latinoamericanos sobre a importancia da innovación para o crecemento económico e o benestar social, e apuntou que Galicia leva executado proxectos por importe de máis de 300 millóns de euros desde hai algo máis dunha década, e que, no período 2007-2013, executou o 40% de toda a Compra Pública de Innovación contratada en España. Ademais, citou outras actuacións postas en marcha pola Xunta de Galicia no marco do programa de impulso á Compra Pública de Innovación como o Premio aos Empregados Públicos Innovadores, a formación dirixida a empregados públicos ou o impulso a este Foro que celebrou en Galicia a súa primeira edición en 2018.

 

Argerey sinalou entre as vantaxes deste instrumento para a Administración a posibilidade de poñer en marcha proxectos moi relevantes no ámbito da saúde e no segmento dos sistemas non tripulados -que serán presentados neste Foro-, de atopar solucións innovadoras ás necesidades das Administracións Públicas, de prestar uns servizos públicos máis eficientes á cidadanía ao mesmo tempo que se fomenta a innovación empresarial e promover a innovación aberta ou innovación en colaboración.

 

Argerey reiterou o compromiso do executivo galego con esta ferramenta e sinalou que mostra disto é a extensa representación de Galicia neste Foro, no que participan ademais representantes da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, do Servizo Galego de Saúde, da Universidade de Santiago de Compostela e da empresa Bahía Software.

 

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, abordou as claves para levar a cabo unha boa compra no eido da innovación, destacando a importancia que ten definir perfectamente cada unha das fases da mesma. Ademais, tamén apuntou os diferentes plans que xa desenvolveu a Consellería de Sanidade neste eido, como é o caso do Plan H2050 de innovación sanitaria, Innovasaude; o Código 100 e o actual Innovatrail.

 

Durante a súa intervención, Fuentes Losada salientou o grande impacto social que ten a Compra Pública Innovadora e o feito de implementalo desde unha visión global e integradora no sistema, apostando pola potenciación das Pymes e a transferencia de coñecemento entre sectores.

Imaxes relacionadas