A Xunta adxudica as obras de construción dunha glorieta elíptica na intersección da estrada PO-331 no alto de San Cosme, nos concellos de Vigo e de Mos

O obxectivo da actuación é reforzar a seguridade viaria dos xiros neste punto, no que conflúen as vías que conectan a PO-331 coa Universidade de Vigo, co núcleo de Erville e con outros equipamentos da contorna
 

Os traballos, adxudicados por preto de 40.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas


A planta da glorieta elíptica terá un radio mínimo 12,50 metros e disporá dun carril de 6 metros de ancho, con beiravía, tanto exterior como interior, de ata 1 metro
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de construción dunha glorieta elíptica na intersección da estrada autonómica PO-331, no Alto de San Cosme, nos concellos de Vigo e de Mos.

 

Actuarase nesta intersección situada no punto quilométrico 7+600, na que conflúen as vías que conectan a PO-331 coa Universidade de Vigo, co núcleo de Erville e con outros importantes equipamentos da zona.

 

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Fechi SLU., por un importe que rolda os 40.000 euros, comezaranse nas vindeiras semanas, en función das condicións meteorolóxicas.

 

Na actualidade, esta intersección na PO-331 regúlase mediante unha glorieta partida. Co obxectivo de mellorar a seguridade viaria dos xiros neste punto, o departamento de Infraestruturas da Xunta adecuará a intersección mediante a implantación dunha glorieta, que tamén contribuirá ao calmado de tráfico.

 

Deste xeito, para poder acoller de modo axeitado os diferentes viarios que converxen na vía autonómica, a glorieta adaptará a súa forma cunha planta elíptica.

 

Máis en detalle, as obras consistirán na execución dunha glorieta de planta elíptica, de radio mínimo 12,50 metros, que disporá dun carril de 6 metros de ancho, con beiravía, tanto exterior como interior, de ata un metro de ancho.

 

A illa central da glorieta terá unhas dimensións de 15 metros de ancho e 30 metros de longo e contará cun gorxal de dous metros de ancho, empedrado, de maneira que poida ser puntualmente remontable para os vehículos.

 

Para a execución da glorieta será necesario demoler previamente as isletas existentes, e acondicionarase parte da superficie demolida que ocupan as actuais isletas mediante a reposición de firme.

 

Na intervención, inclúese tamén o acondicionamento da sinalización tanto horizontal como vertical da zona, adecuando esta á nova configuración da intersección. Finalmente, tamén se procederá á colocación dos carteis de orientación necesarios para indicar os destinos na estrada PO-331.

 

Cómpre sinalar que para executar as obras será necesario actuar sobre a plataforma existente en toda a zona de actuación, o que podería dar lugar a interrupcións temporais do tráfico ou á súa regulación mediante circulación alternativa.

 

A Xunta continúa coa mellora da seguridade viaria da estrada PO-331, con actuacións tan relevantes como a levada a cabo entre os puntos quilométricos 11+720 e 12+340, no polígono da Pasaxe e acceso á AG-57, na que se investiron máis de 350.000 € no ano 2020.