O presidente da sociedade pública visitou hoxe as obras desta planta

Sogama estima que a planta de transferencia da Lama dea servizo aos concellos da contorna no primeiro semestre de 2023

Localízase nunha parcela de case 2.300 m2 do polígono industrial de Racelo e contará cunha superficie construída duns 600m2


Con capacidade para máis 5.000 toneladas anuais de residuos urbanos, poderá transvasar tanto os envases lixeiros como a fracción resto e, no seu momento, a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón
 

A Lama (Pontevedra), 16 de novembro de 2022

  O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, acompañado polo alcalde, Jorge Canda, visitou esta mañá, no polígono industrial de Racelo, as obras da futura planta de transferencia da Lama, que está previsto que dea servizo aos concellos da contorna no primeiro semestre de 2023.

 

A nova planta, adxudicada por máis de 1,8 millóns de euros e cofinanciada polos Fondos FEDER como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, localízase nunha parcela de case 2.300 m2 do polígono industrial de Racelo e contará cunha superficie construída duns 600m2 para dar servizo aos municipios da Lama, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.

 

Con capacidade para máis 5.000 toneladas anuais de residuos urbanos, poderá transvasar tanto os envases lixeiros (bolsa amarela) como a fracción resto (bolsa negra) e, no seu momento, a materia orgánica (FORSU) recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, en proceso de implantación en Galicia.

 

Máis polo miúdo, a nave disporá dun compactador fixo, unha báscula e un sistema de translación de contedores (con capacidade para dúas unidades), o que permitirá que se independice en certa medida o funcionamento da planta do transporte, que en momentos puntuais pode sufrir atrasos por variacións nas condicións do tráfico, posibles avarías, indisposición dos condutores, etc.

 

Tamén estará dotada dun aparcadoiro de contedores, un edificio de oficina, vestiario e almacén, e, a maiores, contará cunha depuradora de augas residuais.

 

Así mesmo, autoabastecerase enerxeticamente con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables para facer fronte ao cambio climático.

 

Unha vez rematada, esta planta integrarse na rede de infraestruturas promovida pola Xunta para valorizar a materia orgánica procedente da recollida selectiva.

 

Esta rede estará conformada por catro plantas de biorresiduos (Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; Verín, en Ourense; e Cerceda, na Coruña -esta última en funcionamento-) e 13 plantas de transferencia (6 de nova construción e 7 a adaptar) que contarán cun punto de transvasamento para a fracción orgánica, que será remitida á planta de biorresiduos máis próxima para a súa conversión en compost.

 

Estas 17 instalacións permitirán que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

Imaxes relacionadas