O presidente da Xunta realizou unha visita á factoría da Papelera de Brandia en Santiago de Compostela

Rueda salienta que os Orzamentos de 2023 duplican as axudas para eficiencia e aforro enerxético destinadas ás pemes e familias para apoialas fronte á actual crise económica

Resalta que as contas autonómicas reforzarán tamén a transformación empresarial con máis fondos e medidas como a Axenda Financeira, dotada de 140 M€ para apoiar a solvencia e liquidez do tecido empresarial

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que os Orzamentos de 2023 duplicarán as axudas para eficiencia e aforro enerxético destinadas ás pemes e familias, para apoialas fronte á actual crise económica nun contexto xeneralizado de incertezas e alza de prezos. 

O presidente da Xunta recalcou o compromiso do Goberno galego coa solvencia das familias e das pequenas empresas nunha visita que fixo á factoría da Papelera de Brandia en Santiago de Compostela, a empresa considerada como a máis antiga de Galicia e que foi gañadora do Premio Excelencia Química Empresarial; unha compañía que exporta o 66% da súa produción a 50 países. 

Alfonso Rueda personalizou na familia de traballadores desta empresa de Vidán o apoio da Xunta coa supervivencia do seu tecido empresarial, e recordou que, por exemplo, o Goberno galego logrou do central que incluíra nos plans de continxencia axudas á coxeración, “como é o caso de moitas papeleiras”, especificou. 

Pero como o impacto da suba de prezos da enerxía non deixa de percutir no tecido económico, o presidente da Xunta adiantou que os Orzamentos de 2023 duplicarán as axudas para aforro e eficiencia enerxética destinadas a pemes e fogares ata alcanzar case os 80 millóns de euros.  

Ademais, as contas da Xunta para o vindeiro ano reforzarán tamén a transformación empresarial con máis fondos -un 12 % máis de recursos-, unha maior aposta pola industria -dedicando 7 de cada 10 euros a un tecido innovador e sustentable de cara ao 2030- e o acompañamento á iniciativa privada con medidas como a Axenda Financeira, dotada de 140 millóns para apoiar a solvencia e a liquidez do tecido empresarial. 

Alfonso Rueda quixo lanzar unha mostra de apoio específico ao sector papeleiro e pasteiro, lamentando que o Goberno central “maltrate” esta industria. Advertiu que, pola contra, a Xunta “non quere renunciar” á única pasteira galega en Lourizán (Pontevedra) da que dependen 5.000 persoas. Pola contra, manifestou o apoio do Goberno galego ao proxecto da bioplanta de Ence para As Pontes, co que se pecharía o círculo de produción e da cadea de valor da madeira. 

 

Imaxes relacionadas