A Xunta adxudica por 800.000 € as obras para o acondicionamento da antiga estrada PO-400, no concello de Arbo

Esta intervención prevé iniciarse neste vindeiro mes de decembro e conta cun prazo de execución de 6 meses

Executarase en 2 fases, comezando polo acondicionamento do tramo antigo da vía e continuando coa mellora da intersección coa PO-400, para dispoñer unha glorieta

Reforzarase o firme, executaranse beirarrúas e sendas nos tramos urbanos e acondicionaranse os cruces

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 800.180 euros as obras para o acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da estrada PO-400, no concello de Arbo.

 

A intervención, adxudicada á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela, S.L., prevé iniciarse no mes de decembro, e os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

Esta intervención suporá un investimento autonómico global de preto de 1,3 millóns de euros, tendo en conta as expropiacións dos predios necesarios.

 

A actuación adxudicada dividirase en dúas fases: unha primeira de acondicionamento do treito antigo da PO-400, e unha segunda de mellora da intersección co actual trazado da estrada, para construír unha glorieta.

 

Mediante este contrato, a Xunta levará a cabo a rehabilitación do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento das interseccións inicial e final da estrada e a creación dunha rotonda na contorna do punto quilométrico 24 da estrada actual.

 

A intervención inclúe a execución dun novo tramo de conexión desde a antiga estrada ata a citada glorieta do quilómetro 24, así como o acondicionamento do acceso á glorieta prevista desde a estrada que discorre en dirección ao núcleo do Picoto.

 

Executarase, ademais, un carril de parada de autobús e colocarase un refuxio no punto quilométrico 24+240 da PO-400, xunto coa construción dunha zona de aparcadoiro entre os puntos quilométricos 1+250 e 1+300 da estrada PO-400A.

 

Tamén se mellorará a seguridade peonil no antigo trazado da PO-400 cun itinerario de 1,80 metros de ancho, incluído bordo, e unha rígola de 0,30 metros entre a estrada e o dito bordo, na maioría do seu trazado.

As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.

 

O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos, sendo os peóns os usuarios máis vulnerables das estradas.