A Xunta e o Concello da Peroxa investirán máis de 177.000 € na humanización e posta en valor da contorna de varios espazos públicos da localidade

As actuacións permitirán humanizar a contorna das vivendas sociais, mellorar o acceso á área de autocaravanas, acondicionar beirarrúas na estrada OU-0502 e ampliar o alumeado público do recinto de feira


O Goberno galego destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022  A Xunta de Galicia e o Concello da Peroxa investirán máis de 177.000 euros na humanización e posta en valor da contorna de varios espazos públicos da localidade, tal e como acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde deste municipio ourensán, Manuel Seoane.

 

As actuacións previstas, que serán financiadas conxuntamente por ambas administracións, cunha achega da Xunta do 70% e do 30% por parte do Goberno local, teñen un prazo de execución de 3 meses e incluirán a mellora do acceso á área de autocaravanas e o acondicionamento de beirarrúas na estrada OU-0502 en 3 treitos da entrada á localidade.

 

A maiores, tamén se humanizará a contorna das vivendas sociais coa renovación e ampliación das infraestruturas para dotar de servizos urbanísticos á zona, a realización dun muro de contención de perpiaño de ata 1,50 m de altura para salvar o desnivel existente entre a beirarrúa e o entronque coa estrada, pavimentación asfáltica e acondicionamento zona verde.

 

Tamén se ampliará o alumeado público do recinto de feira con 5 puntos de luz: 4 proxectores con led 126 w en columna 10 m aceiro e 1 proxector con led 126 w na fachada da edificación existente.

 

Estas obras acometeranse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

 

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. Ata o momento, só na provincia de Ourense están comprometidas ou xa executadas un total de 166 actuacións. De feito, tal e como lembrou a conselleira, o concello da Peroxa xa levou a cabo a mellora dos vestiarios do club fluvial dos Peares ao abeiro deste programa no ano 2017.

 

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022.

 

Imaxes relacionadas