A Xunta manifesta o interese de Galicia por participar na vinderia edición da feira tecnolóxica de Miami ‘Emerge Américas’

Conde reuniuse a pasada tarde co fundador e presidente do Consello desta feira anual de startups, Manny Medina, unha das máis importantes de toda América


Ve moi positivo para o ecosistema galego estar aí representado e poder captar oportunidades nun dos principais mercados tecnolóxicos do mundo
 

Lembra que Galicia conta coa nova Axenda Startups 2022-2024 que, entre outros obxectivos, busca abrirlles as portas de ecosistemas tecnolóxicos internacionais, como o estadounidense
 

O vicepresidente económico tamén asistiu á celebración do Galician Cinema Food Festival, un dos principais eventos que organiza a colectividade galega en EE.UU onde se entregou o premio Galego con Estrela ao presidente de Warner Music para os países emerxentes, o coruñés Alfonso Pérez Soto
 

Miami (EE.UU), 16 de novembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, manifestou o interese de Galicia por participar na vindeira edición da feira de emprendemento tecnolóxico eMerge Américas, que se vai celebrar en Miami en abril de 2023.

 

Conde reuniuse a pasada tarde co fundador e presidente do Consello desta feira anual de startups, Manny Medina, unha das máis importantes de toda América onde se dan cita emprendedores, investidores, empresas emerxentes e líderes no sector tecnolóxico e institucións.

 

Segundo dixo, sería moi positivo para o ecosistema galego estar aí representado e poder captar oportunidades nun dos principais mercados tecnolóxicos do mundo. Supón, dixo, internacionalizar o talento emprendedor galego que a Xunta de Galicia está apoiando desde a rede de Business Factory —BFAuto, BFAero, BFMedicines, BFFood, BioIncubaTech, High Tech Auto, Galicia Avanza—. E vai na liña que propón a nova Axenda Startups 2022-2024, que é consolidar en Galicia un ecosistema de emprendemento innovador forte e frutífero. E abrirlle ás startups galegas as portas de ecosistemas tecnolóxicos internacionais como o estadounidense.

 

VI edición do Galician Cinema Food Festival

A axenda desta misión comercial a Miami pechouse coa asistencia do vicepresidente primeiro á VI edición do Galician Cinema Food Festival, que é un dos principais eventos que organiza a colectividade galega en EE.UU onde se entregou o premio Galego con Estrela ao presidente de Warner Music para os países emerxentes, o coruñés Alfonso Pérez Soto.

 

Conde dixo que é como celebrar o Día de Galicia en EE.UU porque é o acto de promoción de Galicia máis importante que se celebra neste país, no que residen máis de 24.000 galegos e galegas, a maioría, en Miami. Unha oportunidade para compartir a cultura galega, a nosa excelente gastronomía e o cine feito en Galicia, dixo, para engadir que Galegos con Estrela como Alfonso Pérez Soto son os mellores embaixadores da nosa terra polo mundo.

Imaxes relacionadas