O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse hoxe con representantes da sociedade público-privada Enterprise Florida

A Xunta presenta en Miami o labor que está a facer Galicia desde a colaboración público-privada para dar resposta aos novos retos industriais

Conde mantivo unha xuntanza co director do departamento de Investimento estranxeiro e loxística, comercio internacional e desenvolvemento de Enterprise Florida, Carlos Guerra

Afirma que Enterprise Florida é precursora dun modelo de colaboración público-privada que Galicia quere seguir a través da Sociedade Impulsa

Entre os proxectos que se están a promover sinalou a fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei; a planta para a produción de fertilizante e biometano de Repsol, Naturgy e Reganosa en Meirama; a de xeración de hidróxeno verde que van construír Reganosa e EDP Renovables nas Pontes; ou o Polo Aeroespacial de Galicia

O vicepresidente económico tamén visitou a nova sede de Abanca en Miami, un reflexo de como se comporta a economía galega a ese lado do Atlántico e do interese investidor que hai por parte do tecido empresarial

Miami (EE.UU.), 15 de novembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe en Miami o labor que está a facer a Sociedade Impulsa nunha xuntanza que mantivo co director do departamento de Investimento estranxeiro e loxística, comercio internacional e desenvolvemento de Enterprise Florida, Carlos Guerra.

Enterprise Florida é unha asociación público-privada que conforman empresas e administracións, e que ten como obxectivo promover investimentos no Estado de Florida.

Segundo Conde, é precursora dun modelo de colaboración público-privada que Galicia quere seguir a través da Sociedade Impulsa. Un modelo moito máis avanzado e con máis percorrido, engadiu, pero que comparte a mesma filosofía de aliñar iniciativa pública e privada e de buscar a participación práctica das empresas como parte da solución aos retos económicos do contexto actual.

Nesta liña, na xuntanza o vicepresidente económico deu a coñecer a experiencia de Galicia coa Sociedade Impulsa e os proxectos que se están a desenvolver ao seu amparo: a fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei; a planta para a produción de fertilizante e biometano de Repsol, Naturgy e Reganosa en Meirama; e a de xeración de hidróxeno verde que van construír Reganosa e EDP Renovables nas Pontes, declarado como Proxecto Industrial Estratéxico. Proxectos que reflicten a aposta que Galicia está facendo polas enerxías renovables e a economía circular e que se reflicte tamén en actuacións relacionadas coa eólica tanto mariña como terrestre xunto cunha industria de compoñentes de estruturas da eólica offshore, proxectos de hidróxeno verde, metanol verde ou gas renovable.

A función de Enterprise Florida é tamén brindar información e asistencia ás empresas interesadas en operar no mercado estadounidense. E, nese sentido, Conde tamén se referiu aos principais sectores aos que pertencen as 23 empresas que participan na misión a Miami e nos que cabería a posibilidade de abrir vías de negocio. Entre eles, o aeronáutico, pola experiencia co Polo Aeroespacial de Galicia. O contract, por ser EE.UU. un mercado de referencia para as empresas galegas do sector. E o TIC, porque en Florida traballan máis de 33.000 empresas tecnolóxicas nun ecosistema que Galicia tamén quere consolidar na Cidade das TIC da Coruña.

Sede de Abanca

Nesta xornada, o vicepresidente económico tamén tivo ocasión de visitar a nova sede de Abanca en Miami. Segundo dixo, un reflexo de como se comporta a economía galega a ese lado do Atlántico e do interese investidor que hai por parte do tecido empresarial.

Conde puxo en valor o traballo da Xunta por crear un clima de confianza e estabilidade para favorecer a actividade empresarial e acompañar as empresas ante retos como a internacionalización e a apertura a novos mercados. E aproveitou para agradecer a Abanca a súa colaboración na Sociedade Impulsa.

 

Imaxes relacionadas