O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe no X Foro Infantil UNICEF-Parlamento de Galicia

A Xunta aprobará esta semana o decreto que regulará o novo Consello Autonómico da Infancia e Adolescencia

O documento será sometido agora a información pública para recoller as achegas da sociedade galega

Trátase dun órgano moi demandado que permitirá a creación do principal foro de participación infantil da nosa Comunidade

Nestes momentos son doce as comisións locais que participan no programa Cidades Amigas da Infancia: Castrelo de Miño, Moaña, Ames, Teo, Cabanas, Carnota, Moeche, Redondela, Tomiño, O Porriño e Ourense e Ponteareas

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022 A Xunta aprobará esta semana o Decreto que permitirá a creación do Consello Autonómico da Infancia e a Adolescencia, un órgano que se converterá no principal foro de participación infantil de Galicia. Anunciouno o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, durante o X Foro Infantil UNICEF-Parlamento de Galicia.

Coincidindo coa proximidade do Día Internacional dos dereitos da infancia, que se celebra o vindeiro 20 de novembro, a Xunta de Galicia someterá a información pública este decreto para recoller todas as achegas e opinións da sociedade galega antes da súa aprobación definitiva no Consello da Xunta.

O director xeral destacou que este consello supón a posta en marcha dunha importante plataforma institucional e colexiada que contribuirá a facer realidade o dereito a participación social dos nenos, nenas e adolescentes de toda Galicia. Este órgano estará conformado por 30 vogais entre os que figurarán participantes nas comisións locais que pertenzan ao programa Cidades Amigas da Infancia.

Durante os últimos anos, incrementouse o número de localidades galegas adheridas a este programa de Cidades Amigas da Infancia. En concreto, pasouse dunha —Castrelo de Miño—a doce, coa incorporación dos concellos de Moaña, Ames, Teo, Cabanas, Carnota, Moeche, Redondela, Tomiño, O Porriño e Ourense e Ponteareas. Durante o acto interviñeron os doce voceiros destes consellos locais, así como a presidenta de UNICEF-Galicia, Myriam Garabito, representantes dos grupos parlamentarios e a vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia.

 

Imaxes relacionadas