A directora xeral de Patrimonio Natural e a delegada territorial en Ferrol asistiron hoxe á reunión da xunta reitora do parque natural, que coñeceu e valorou o documento

O Plan de xestión de Fragas do Eume supera un dos últimos trámites previos á súa aprobación definitiva

Belén do Campo presenta os puntos básicos do futuro PRUX, que propón unha nova zonificación das case 10.000 hectáreas do espazo natural, especificando os usos permitidos e restrinxidos desde o punto de vista agrogandeiro, forestal ou recreativo
 

Tras someterse hoxe ao coñecemento e valoración do órgano reitor, o documento deberá someterse a información pública antes de ser informado polo Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible, paso previo á súa aprobación

Pontedeume (A Coruña), 15 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia continúa avanzando na tramitación do Plan reitor de uso e xestión (PRUX) das Fragas do Eume, un instrumento que marcará as pautas a seguir para orientar o futuro desenvolvemento económico e medioambiental deste espazo durante os vindeiros anos.

 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acompañada pola delegada territorial do Goberno galego en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na reunión da xunta reitora do parque convocada para someter ao seu coñecemento e valoración o documento, que deste xeito supera un dos últimos trámites previos de cara á súa aprobación definitiva.

 

Así, Do Campo fixo unha presentación expoñendo os puntos básicos e máis relevantes do novo PRUX, no que se concretará unha nova zonificación das case 10.000 hectáreas que ocupan as Fragas do Eume, especificando en cada unha das franxas os usos permitidos e restrinxidos desde o punto de vista agrogandeiro, forestal ou recreativo, entre outros.

 

Ademais, a directora xeral subliñou que o documento reitor pon o foco na protección e na conservación dos valores deste espazo, pero sen esquecer a necesidade de garantir que se manteña tamén o seu aproveitamento desde o punto de vista socioeconómico.

 

Neste sentido, o obxectivo principal co que encarou a Xunta a redacción do plan reitor foi o de compatibilizar o aproveitamento dos recursos naturais coa súa protección, de forma que as actividades do sector agrogandeiro, turístico ou forestal que se desenvolven neste territorio ou dependen indirectamente del estean garantidas.

 

A modo de exemplo, cómpre lembrar que tanto o turismo verde como a promoción de actividades deportivas ao aire libre están moi presentes neste espazo natural, que reúne unhas condicións idóneas para a práctica de actividades recreativas; e case o 80% dos terreos do parque son de titularidade privada e teñen moitos propietarios, polo que albergan diferentes actividades e usos económicos.

 

Tras sometelo esta mañá ao coñecemento e valoración do órgano reitor do parque, o PRUX deberá someterse a un período de información pública para a continuación ser informado polo Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible, último paso imprescindible antes da súa aprobación definitiva.

 

O obxectivo é elevar o antes posible ao Consello da Xunta o Plan reitor de uso e xestión das Fragas do Eume, un fito transcendental para o conxunto de Galicia, tal e subliñou Belén do Campo, xa que, unha vez aprobado, todos os parques naturais e o único parque nacional da Comunidade contarán cun instrumento propio para guiar durante a próxima década os usos e actividades permitidos nos seus respectivos territorios.

 

Proceso de diálogo e participación desde outubro

Cómpre lembrar que foi a finais do ano pasado cando a Xunta abriu unha rolda de contactos con diferentes colectivos públicos e privados co fin de impulsar definitivamente a redacción do PRUX das Fragas do Eume.

 

Neste período, Belén do Campo reuniuse cos alcaldes dos cinco concellos do parque —Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes—, propietarios de terreos privados, representantes do tecido asociativo e da única comunidade de montes existente, produtores agrogandeiros, pescadores, empresas do sector turístico así como diferentes clubs que aglutinan as principais disciplinas deportivas que se practican neste espazo.

 

Paralelamente, a Consellería tamén mantivo xuntanzas técnicas con outros departamentos autonómicos para recompilar as súas achegas sobre o novo instrumento de xestión e trasladarlles as suxestións expostas polo resto de colectivos consultados.

 
Un proceso de diálogo e participación previo do que tamén deu conta hoxe ante a xunta reitora Belén do Campo, quen subliñou a importancia destes contactos para coñecer de primeira man as inquedanzas dos que “viven, traballan ou dependen” das Fragas do Eume, un espazo protexido único e singular, integrado na Rede Natura 2000 e que alberga a mellor representación de bosque atlántico autóctono, o mellor conservado de Europa.

Imaxes relacionadas