A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo reuniuse hoxe co alcalde, o arquitecto municipal e representantes veciñais e da comunidade de montes

A Xunta analiza co Concello de Tui a posibilidade de promover un cambio de uso en dous ámbitos da parroquia de Ribadelouro

Tras informarlles das posibilidades técnicas da modificación e dos pasos a seguir, Encarnación Rivas incidiu en que a oportunidade de impulsar esta medida é unha decisión que corresponde ao Goberno local atendendo ao interese público e xeral

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Tui analizaron esta mañá a posibilidade de impulsar un cambio de usos en dous ámbitos localizados na parroquia de Ribadelouro, unha proposta do Goberno local que tería como fin clasificar como rústicos dous sectores do municipio que figuran na actualidade como urbanizables industriais no PXOM aprobado en 2011.

 

A petición do Concello, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse hoxe co rexedor municipal, Enrique Cabaleiro, quen asistiu acompañado polo arquitecto municipal, o presidente da Comunidade de Montes de Ribadelouro e un representante da asociación de veciños desta mesma parroquia.

 

No marco da reunión, Rivas explicoulles as posibilidades efectivas de promover esta modificación urbanística e os pasos a seguir desde o punto de vista legal e administrativo, así como as casuísticas particulares de cada un dos sectores afectados.

 

En todo caso, a directora xeral trasladoulles tamén que a oportunidade de iniciar un posible cambio de clasificación como este debe analizarse a nivel municipal e no marco das competencias que ten atribuídas en exclusiva o concello en materia de ordenación do territorio, valorando de ser o caso o interese público e xeral que o motive.

 

Neste sentido, púxose á disposición do Concello de Tui para resolver calquera posible dúbida que poida xurdir a partir de agora con relación a este asunto e á posible tramitación dos cambios urbanísticos polos que lle consultou o alcalde e os representantes veciñais.

Imaxes relacionadas