A andaina Camiño ao respecto con máis de 5.600 persoas xa inscritas protagonizará a programación da Xunta con motivo do 25-N

O Goberno galego anima á cidadanía a seguir anotándose na iniciativa que terá lugar de xeito presencial este domingo 20 e ata o 27 de novembro de forma virtual para amosar o reixeitamento á violencia de xénero

Convídase ás galegas e galegos a que compartan as súas imaxes camiñando nas redes co hashtag #camiñoaorespecto, no mail contacto@caminoaorespecto.gal ou a través do número de teléfono 669 96 22 49

A conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, entregará o propio 25-N os premios de creación gráfica e audiovisual do concurso da Xunta celebrado con motivo do Día internacional contra a violencia de xénero e sumarase ao minuto de silencio convocado co acordo do Pleno do Observatorio galego da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021

A andaina virtual Camiño ao respecto volverá a protagonizar un ano máis a programación da Xunta de Galicia con motivo do 25-N, o Día internacional para a eliminación contra a violencia de xénero. O Goberno galego convida á cidadanía a sumarse á tradicional andaina que se celebrará este domingo 20 de novembro e de xeito virtual ata o próximo día 27.

Así, a Administración autonómica convida ás galegas e os galegos a que se inscriban para facer o percorrido de xeito presencial, entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, ou compartan as súas imaxes camiñando polos seus concellos nas redes co hashtag #camiñoaorespecto, no correo electrónico contacto@caminoaorespecto.gal ou a través do número de teléfono 669 96 22 49.  Ata o momento máis de 5.600 persoas formalizaron a súa inscrición, tanto de xeito físico como virtual.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pretende coa iniciativa seguir a sumar apoios entre a cidadanía e fomentar a súa participación activa no rexeitamento público e formal contra a violencia de xénero e sensibilizar, a maiores, sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre mulleres e homes.

Con motivo do Día internacional para a eliminación contra a violencia de xénero, ademais, a conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, sumarase ao minuto silencio convocado por acordo do Pleno do Observatorio galego da violencia de xénero que se poderá facer en calquera punto da xeografía galega. A Xunta convida á cidadanía a sumarse tamén a esta iniciativa e a parar un minuto para rexeitar a violencia de xénero.

O día 25-N tamén se entregarán, nun acto que estará presidido pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, os premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado no que as propostas individuais e colectivas deste ano destacaron pola súa orixinalidade e reflexión acerca dunha lacra que, tal e como se trasluciu nos traballos, adquire novas caras. Escolares de Lugo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Cee (A Coruña) resultaron primeiros nas diferentes categorías, nas que tamén foron recoñecidas pezas gráficas e audiovisuais de centros de Ourense, Ferrol, Salvaterra de Miño (Pontevedra) e Burela (Lugo).

Con esta iniciativa, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon en valor a reflexión sobre esta lacra realizada no eido escolar co foco posto na prevención, na detección precoz, na intervención e no recoñecemento das novas violencias. Todos os galardoados, ben a título individual como colectivo, recibirán cheques regalo para investir no comercio local e os centros representados, cadanseus lotes de libros.

Máis formación

Para seguir loitando contra esta lacra social, a Administración autonómica está a reforzar a formación para os concellos incluídos na Rede galega contra a violencia de xénero e iniciou este mes o IV Plan de formación dirixido ao persoal dos 84 Centros de Información á Muler de Galicia (CIM), que inclúe 31 horas de cualificación en cuatro xornadas. Así mesmo, estanse a celebrar encontros territoriais para a dinamización das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero e estase a levar a cabo a campaña Agresión Off dirixida a formar e informar contra a violencia sexual en festas, festivais, concentracións turísticas e outras citas nas que se congregue un amplo número de persoas.