A Xunta amplía a alerta laranxa por temporal costeiro a todo o litoral galego

Agárdase vento de forza 7 e mar combinada con ondas que poden acadar na provincia da Coruña ata 7 metros

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de ampliar a alerta laranxa por temporal costeiro a todo o litoral galego.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa que afecta a toda a costa comezará ás últimas horas da xornada de hoxe. Agárdase vento do suroeste de forza 7, que poderá acadar forza 8 ao norte de Fisterra, e mar combinada do oeste ao noroeste con ondas de ata 6 metros, que poden aumentar no Oeste e Noroeste da Coruña ata os 7 metros.

 

En Lugo, principalmente cara a Bares e mar adentro, o vento será do oeste ao suroeste con forza 7 e haberá mar combinada do noroeste con ondas de ata 6 metros.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.