A Xunta inviste 214.000 euros no programa integrado de emprego de Ferrol que mellorou a formación e o acceso laboral a un centenar de persoas

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na xornada de clausura onde destacou a porcentaxe de inserción laboral lograda pola iniciativa, un 40%

Martina Aneiros avanzou que o Goberno galego incrementará nun 2% o orzamento para a convocatoria 2022-2023 que se resolverá proximamente

Os participantes recibiron formación en ámbitos vinculados ao comercio, almacén, axuda no fogar, limpeza, panadería ou carnicería, entre outros

Ferrol, 15 de novembro de 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiou con 214.000 euros o programa integrado de emprego do concello de Ferrol que permitiu mellorar a formación e ao acceso laboral a un centenar de persoas. A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, participou esta mañá na xornada de clausura que tivo lugar na sede Afundación onde destacou a porcentaxe de inserción laboral alcanzada, un 40%, o que supón que un total de 40 veciños accederon a un posto de traballo.

 

Os participantes melloraron a súa formación en ámbitos vinculados ao comercio, almacén, axuda no fogar, limpeza ou panadería e carnicería, entre outros. Ademais recibiron cualificación transversal en novas tecnoloxías, interpretación de contratos, nóminas e vida laboral, habilidades sociolaborais ou emprendemento activo.

 

Martina Aneiros puxo en valor o bo resultado dos programas integrados de emprego ao que a Xunta destinou preto de 84,5 millóns de euros entre 2009 e 2021, o que permitiu a participación de preto de 46.200 persoas de toda Galicia.

 

A representante do Goberno galego destacou a aposta decidida da Xunta por estes programas. Un compromiso que vai en aumento, tal e como demostra o feito de que para a convocatoria 2022-2023 que se resolverá proximamente “o orzamento incrementouse nun 2%, un investimento que se manterá no curso 2023-2024”, dixo.

 

A próxima convocatoria contará cun investimento de 10,2M€ para toda Galicia o que permitirá poñer en marcha 40 programas integrados de emprego “para formar e incrementar as oportunidades laborais dunhas 4.100 persoas desempregadas”, puntualizou Aneiros. O obxectivos destes programas é que un mínimo do 35% do total dos participantes atope traballo ao final da súa formación.

Imaxes relacionadas