O director do Instituto de Estudos do Territorio participou hoxe no izado do distintivo

A Xunta pon en valor o compromiso do Concello de Muros co medio ambiente e a conservación da paisaxe coa concesión da bandeira verde de Galicia

O Goberno galego destinará 80,6 M€ en 2023 a accións para preservar os espazos naturais e para apoiar aos concellos na boa xestión dos residuos, na mellora dos espazos públicos ou na corrección de impactos paisaxísticos

Muros (A Coruña), 15 de novembro de 2022

A Xunta recoñeceu o compromiso do Concello de Muros co medio ambiente e a conservación da paisaxe coa concesión da bandeira verde de Galicia, un distintivo que este municipio recibe por primeira vez e que busca fortalecer a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

 

Durante o izado deste distintivo no concello muradán, no que estivo acompañado pola alcaldesa, Inés Monteagudo, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, puxo en valor a ampla actividade municipal nos ámbitos da valorización do territorio e da paisaxe con múltiples acciones relacionadas co cambio climático, os elementos do patrimonio cultural ou os ecosistemas presentes no municipio -algúns en Rede Natura- como exposicións, visitas guiadas, talleres ou a plantación de especies autóctonas.

 

A maiores, o director do IET tamén salientou outras accións desenvolvidas polo Concello como a mellora da eficiencia enerxética coa substitución do alumeado público por un sistema de luminarias menos contaminantes ou as accións desenvolvidas co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos incorporando a compostaxe doméstica así como avances na reciclaxe e na reutilización.

 

A Bandeira Verde de Galicia, creada no ano 2020, pretende distinguir aos municipios máis dinámicos no desenvolvemento de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia. Se na súa primeira edición -2020- se entregaron 2 bandeiras verdes, este ano son 15 os municipios distinguidos, 6 máis que o pasado 2021.

 

Ademais, na aposta do Goberno galego por unha Galicia verde, no ano 2023 a Xunta destinará 80,6 millóns de euros a actuacións para preservar os espazos naturais e para apoiar aos concellos na boa xestión dos residuos, na mellora dos espazos públicos ou na corrección de impactos paisaxísticos.