O presidente da Xunta asiste ao VIII Encontro Directivos/as Líderes ‘100 Consellos Santander’

Rueda demanda axilidade ao goberno na xestión dos fondos europeos para concretar proxectos fundamentais para Galicia chamados a xerar milleiros de postos de traballo

Asegura que estas axudas son unha “enorme oportunidade” que cómpre aproveitar para impulsar o crecemento e a modernización do tecido empresarial galego

Cuestiona o sistema de “distribución centralizada” que realiza o Executivo e reclama que as comunidades poidan xestionar directamente estes fondos

Resalta a importancia da colaboración público-privada, especialmente en contextos económicos como o actual

Garante que a Xunta traballa por construír a Galicia do futuro apostando pola “estabilidade” que ofrece aprobar xa os orzamentos de 2023, os máis altos da historia da Comunidade; aumentar o gasto social; impulsar medidas de alivio fiscal e promover axudas e apoios para fomentar o investimento de empresas
 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou hoxe ao Goberno central axilidade na xestión dos fondos europeos para que as empresas poidan concretar proxectos fundamentais para Galicia que van supoñer milleiros de postos de traballo. “Estamos nun momento fundamental no que ou aproveitamos esta enorme oportunidade ou a deixamos pasar e nunca máis vai volver”, resaltou durante a súa intervención no VIII Encontro Directivos/as Líderes ‘100 Consellos Santander’, onde lamentou a demora na mobilización dos fondos en España, “onde hai 75.000 M€ a fondo perdido, pero a maioría aínda sen repartir”. 

Rueda asegurou que gran parte da lentitude na distribución das axudas europeas débese ao sistema de xestión elixido polo Goberno central. “España é o país máis descentralizado de Europa, pero elixiu o sistema de distribución de fondos máis centralizado de Europa”, sinalou, para reclamar que sexan as comunidades autónomas as que xestionen directamente os fondos. “Somos as que temos os funcionarios suficientes para levar a cabo toda a burocracia que exixen os fondos e non o Ministerio. Iso tamén explica parte da lentitude”, indicou. 

Rueda lembrou que Galicia conta cun músculo empresarial forte que agarda seguir medrando e modernizándose coa axuda dos fondos europeos. A comunidade opta a recibir fondos en eidos claves para a economía galega como a automoción, o naval, o sector agroalimentario ou a investigación sanitaria, pero o presidente da Xunta recoñeceu que a demora na chegada das axudas pode “desanimar” a algúns empresarios que opten por levar os seus proxectos a países nos que a xestión dos fondos sexa máis áxil. Por iso, demanda máis rápidez na distribución dos fondos e mellor xestión dos Perte ao Goberno central. 

Por outra parte, durante a súa intervención, Rueda destacou os pilares polos que aposta a Xunta para asentar a Galicia do presente e construír xa a do futuro. Entre eles, ademais de traballar para sacar o máximo rendemento á chegada dos fondos europeos, resaltou o feito de ser un Goberno que ofrece “estabilidade” ao ter aprobados xa os orzamentos de 2023 -os máis altos da historia de Galicia con ata 12.620 M€-; impulsar medidas de alivio fiscal que permitirán aforrar 128 M€ aos galegos ao ano ou reducir á débeda pública á vez que se incrementa o gasto social para axudar aos máis vulnerables neste difícil contexto económico coa inflación a alza. 

Ademais, destacou a importancia de impulsar e consolidar un tecido empresarial forte en Galicia con medidas administrativas para atraer novos investimentos á Comunidade; con axudas a industria para afrontar a transición enerxética e cuns orzamentos onde o apoio a industria e as pemes ten un gran protagonismo. 

Rueda resaltou ademais a importancia da colaboración público-privada. “As empresas son necesarias e imprescindibles para que as administracións podamos cumprir os nosos obxectivos”, sinalou para destacar que esta colaboración se fai aínda máis fundamental no actual contexto económico. “O noso obxectivo é que ninguén quede atrás”, indicou e subliñou que consolidar a recuperación da economía en Galicia é algo no que deben sumar esforzos as administracións e as empresas. “Se as compañía capeades ben o temporal e vedes novas oportunidades será unha boa sinal”, indicou.

Imaxes relacionadas