Trenor traslada a Cogami o apoio da Xunta en todos os seus proxectos para seguir avanzando na plena inclusión

O delegado da Xunta mantivo un encontro coa directiva galega da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami)

A Coruña, 15 de novembro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo un encontro coa directiva da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) no que as trasladou "o apoio do Goberno galego ás persoas con discapacidade para avanzar na súa plena inclusión".

 

O representante do Goberno galego puxo en valor os proxectos que ten en marcha Cogami para acadar o seu obxectivo de lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade.

 

Cogami, que conta con máis de 50 asociacións e 11 iniciativas empresariais de economía social que dan emprego a preto de 800 persoas con discapacidade, recibe da Xunta máis de nove millóns de euros anuais a través de convenios de colaboración, financiamento de prazas en centros asociados ou axudas de inclusión ou de voluntariado, entre outras colaboracións a través da Consellería de Política Social e Xuventude.

 
Emprego

Trenor, destacou que a Xunta destinou a Cogami, máis de 22 millóns de euros este ano para apoiar diferentes convenios e programas de actuación nas áreas de inclusión, orientación e formación para o emprego.

 

A este respecto, o delegado da Xunta reiterou o compromiso do Goberno galego para seguir avanzando cara unha sociedade na que ter capacidades diferentes non implique ter menos oportunidades.

 

Por iso, lembrou que os orzamentos para 2023 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reservarán 44,5 millóns de euros de investimento ao Plan de Emprega Discapacidade e Exclusión Social.

Imaxes relacionadas