A Xunta organiza en Ribadavia unha xornada técnica sobre boas prácticas na viticultura sustentable

A acción terá lugar o vindeiro día 23 de novembro na sede do Consello Regulador do Ribeiro e enmárcase no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022 da Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia programou para o vindeiro día 23 de novembro a xornada técnica Boas prácticas na viticultura sustentable, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e que terá lugar na aula da sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro, en Ribadavia (Ourense).

 

Esta acción enmárcase no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022 promovido pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, da que depende a devandita Estación de Viticultura.

 

As prazas dispoñibles para participar nesta xornada son 70 en total e o prazo de inscrición rematará o vindeiro día 21 de novembro, ou antes no caso de esgotarse o aforo. Os interesados en participar poden descargar o díptico e a solicitude na web da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (https://evega.xunta.gal/) ou tamén na páxina da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia (máis concretamente no anexo G): https://mediorural.xunta.gal/es/temas/formacion/transferencia-tecnoloxica/plan-de-transferencia-tecnoloxica-2022. O formulario remitirase cuberto ao correo electrónico evega.medio-rural@xunta.gal. A súa inscrición será confirmada a través do enderezo electrónico.

 

Con esta xornada técnica búscase promover as prácticas vitícolas conducentes a unha viticultura sustentable, formar o sector na fertilización do viñedo mantendo a biodiversidade e dar a coñecer iniciativas de I+D+i que se enmarcan nas boas prácticas vitivinícolas. Os seus destinatarios son especialmente os agricultores, viticultores ou gandeiros activos con producións con orientación comercial, cotitulares ou colaboradores familiares das explotacións.